Menu


En ABANCA traballamos para axudarte coas finanzas, pero hoxe quixemos poñernos a traballar para axudarte a axudar. ABANCA e Afundación iniciamos unha campaña solidaria de apoio aos cidadáns e refuxiados de Ucraína.

Máis abaixo vas atopar unha listaxe das diferentes iniciativas nas que colaboramos. Podes participar directamente ou podes compartir esta información con outras persoas.


Recadación de fondos e doazóns

ABANCA e Afundación habilitaron unha conta solidaria propia co fin de recadar fondos para atender as necesidades máis urxentes da poboación afectada polo conflito.

As persoas que desexen colaborar poderán realizar unha doazón sen ningún tipo de comisión na conta ES80 2080 7208 3385 3000 7122. Save the Children e Cruz Vermella serán as organizacións receptoras dos fondos recadados.

Tamén serán gratuítas todas as transferencias que se realicen a Ucraína desde as contas de ABANCA.

Plataforma de colaboración para asociacións e colectivos

A Obra Social ABANCA ponse ao dispor de todas as asociacións culturais, colectivos sociais e clubs deportivos galegos que así o desexen para canalizar as iniciativas de axuda ao pobo ucraíno que poidan xurdir.

Os interesados poden escribir ao correo electrónico ayudaparaucrania@afundacion.org.


Recollida de produtos de primeira necesidade

Abrimos os centros e mais as sedes de Afundación para a recollida de produtos de primeira necesidade destinados ás persoas damnificadas pola guerra.

Seguindo as recomendacións das entidades que están a traballar sobre o terreo solicítanse prioritariamente alimentos precociñados e latas de conserva, alimentos infantís, produtos hixiénico- sanitarios infantís e femininos e medicamentos e material de primeiros auxilios.

A infraestrutura do proxecto solidario ‘Cultura por alimentos’ utilizarase temporalmente durante o período que dure esta situación para recoller as doazóns destinadas á zona do conflito e aos puntos fronteirizos que están recibindo o maior número de refuxiados.

Instalacións ao dispor de nenos e nenas ucraínos

Durante os meses de xullo e agosto, Afundación poñerá ao dispor de nenos e nenas ucraínos que o necesiten as instalacións da súa residencia de estudantes de Pontevedra, que conta con 140 prazas. Ademais, os auditorios e teatros de Afundación acollerán eventos solidarios co obxectivo de recadar fondos destinados a esta campaña solidaria con Ucraína.