Bases do Programa 'Trae un Amig@'
A entidade ABANCA Corporación Bancaria, S.A., con domicilio en Betanzos (A Coruña), R/ Cantón Claudino Pita nº 2, 15300, e provista de CIF A-70302039 (en diante, ABANCA), organiza o presente programa denominado “Trae un Amig@”, que se rexerá polas seguintes bases legais (en diante, “Bases Legais”).
En que consiste o Programa “Trae un amig@”?
O Programa “Trae un Amig@” consiste nunha promoción dirixida aos clientes de ABANCA, para que estes clientes recomenden aos seus familiares e amigos a contratación da Conta Clara ou outra conta paquetizada e a domiciliación da súa nómina, pensión ou cota de autónomos nela. Estes clientes denominaranse a partir de agora os “prescritores” ou, en singular, o ”prescritor”.
Enténdese por conta paquetizada aquela na que o cliente contrata nun mesmo paquete de servizos unha conta corrente e outros produtos asociados á mesma (p.ex., tarxeta de débito, tarxeta de crédito, banca móbil e tarifa plana de seguros)
O Programa “Trae un amig@” é válido unicamente no territorio español.
Que beneficio obtén o prescritor?
O prescritor recibirá 50 euros netos (tras a práctica da retención fiscal vixente) na súa conta de ABANCA por cada prescrición de Conta Clara ou conta paquetizada efectiva realizada. O prescritor poderá prescribir ata un máximo de 10 Contas Claras, polo que o seu beneficio máximo polas prescricións efectivas que realizase ata finalizar a promoción, será de 500 euros.
A prescrición será efectiva cando ABANCA comprobe que a persoa (familiar ou amigo) á que o prescritor recomendase a Conta Clara ou conta paquetizada cumpre os seguintes requisitos:
- Que é un cliente novo de ABANCA que contratou por primeira vez unha Conta Clara ou conta paquetizada a través da web abanca.com ou dunha oficina de ABANCA antes do 30 de decembro de 2025, introducindo ou indicando o código promocional do seu prescritor. Considerarase cliente novo aquelas persoas físicas que no mes anterior á contratación da Conta Clara ou conta paquetizada non se atopen na base de datos de clientes de ABANCA ou que, estando nela, non figuren como titulares de ningún contrato con ABANCA.
- Que o cliente domiciliou unha nómina ou pensión de polo menos 800€ ou a cota de autónomos cun importe mínimo de 50€ na dita Conta Clara ou conta paquetizada nun prazo máximo de 4 meses desde a apertura da mesma. Esta nómina, pensión ou cota de autónomo deberá ser nova en ABANCA, entendéndose como tal aquela que non estivese domiciliada na dita Entidade nos 12 meses anteriores ao momento de contratación da Conta Clara ou conta paquetizada.
Non se terán en conta as prescricións realizadas con posterioridade ao peche do Programa, o 30 de decembro de 2025.
O dito incentivo abonarase na conta do prescritor dentro dos 10 primeiros días do mes seguinte no que se comprobe a prescrición efectiva (que será o momento no que figure o primeiro abono da nómina ou pensión ou adeudo de cota de autónomos nas condicións pactadas), en concepto de “Bonificación Trae un amig@”.
Non obstante o anterior, non terán dereito ao beneficio regulado nestas Bases Legais, en ningún caso:
-
Os prescritores que, no momento de xerarse o dereito ao citado beneficio, manteñan con ABANCA situación(s) de impago, morosidade ou calquera outra situación irregular a xuízo de ABANCA;
-
Os prescritores que realicen, a xuízo de ABANCA, algunha actuación fraudulenta no ámbito de aplicación deste Programa.
Que beneficio obtén o novo cliente que contratase a Conta Clara ou conta paquetizada e domiciliase nela a súa nómina, pensión ou cota de autónomos coa recomendación do prescritor?
O novo cliente recibirá un incentivo en función da campaña nómina, pensión ou cota de autónomos que contratase e do importe de nómina, pensión ou cota de autónomos que domicilie. Poderá beneficiarse dun incentivo de 500€ brutos ou de 370€ brutos en base á campaña contratada e se a nómina ou pensión ten un importe mínimo de 1200€ ou a cota de autónomos un importe mínimo de 50€; ou dun incentivo de 185€ brutos no caso de que a nómina ou pensión sexa de, polo menos, 800€ e inferior a 1200€. Para poder beneficiarse deste incentivo o novo cliente terá que asinar un compromiso de permanencia en ABANCA de 24 meses.
Esta promoción está dirixida a calquera novo cliente do territorio español.
En todo caso, ABANCA resérvase o dereito de admitir ou non aos potenciais clientes presentados polo prescritor segundo a súa política comercial e de riscos.
Quen pode ser prescritor?
Aquel cliente de ABANCA que recibise un número ou código de prescritor de ABANCA vía email, SMS ou a través da Banca Móbil. (a efectos aclaratorios e en cumprimento da normativa de protección de datos, ABANCA non incluirá entre os potenciais prescritores aos clientes que manifestasen a súa negativa a recibir publicidade de produtos e servizos de ABANCA). A distribución do dito número ou código por parte do prescritor aos seus familiares e/ou amigos entenderase como a aceptación expresa e inequívoca por parte do prescritor das presentes Bases Legais, así como, polo tanto, tamén da súa participación no Programa “Trae un amig@”.
Quedan expresamente excluídos como prescritores, os/as empregados/as de ABANCA ou do resto de empresas do Grupo ABANCA, así como os familiares de ditos/as empregados/as. Tamén se exclúe da campaña a clientes en situación de impagos, morosidade ou bloqueos por Prevención de Branqueo de Capitais.
Canto dura o Programa “Trae un Amig@”?
Do 1 de maio de 2025 ata o 30 de decembro de 2025.
Cal é o número ou código de prescritor?
O número ou código de prescritor será o facilitado por ABANCA vía email, SMS ou a través da Banca Móbil. Para poder asociar ao cliente prescritor co novo cliente que fose recomendado por aquel, será necesario que este novo cliente: ou ben teclee o número ou código correspondente ao prescritor durante o proceso de contratación da Conta Clara ou conta paquetizada a través da web abanca.com no correspondente recadro establecido ao efecto; ou ben, no caso de que contrate a Conta Clara ou conta paquetizada nunha oficina, lle indique ao xestor/a comercial o número ou código de prescritor, no momento da contratación.
A distribución do dito número ou código de prescritor por parte deste aos seus familiares e/ou amigos entenderase como a aceptación expresa e inequívoca por parte do prescritor das presentes Bases Legais, así como, polo tanto, tamén da súa participación no Programa de ABANCA “Trae un amig@”.
Condicións xerais do Programa de ABANCA “Trae un amig@”
Participación no Programa: para poder participar no Programa de ABANCA “Trae un amig@”, é condición necesaria ser titular dunha conta en ABANCA e ter recibido un número ou código de prescritor vía email, SMS e/ou Banca Móbil desde ABANCA. Ao tratarse esta dunha promoción comercial, ABANCA, en cumprimento da normativa de protección de datos, non remitirá o número ou código de prescrición aos clientes que manifestasen a súa negativa a recibir publicidade de produtos e servizos de ABANCA.
Normas de uso: o prescritor comprométese a participar no Programa de boa fe, respectando as presentes Bases Legais e asumindo calquera responsabilidade que se derive de calquera incumprimento das mesmas pola súa parte.
Responsabilidade:
- O prescritor comprométese a facilitar o seu número ou código de prescritor única e exclusivamente a aqueles familiares e/ou amigos aos que el lles recomendase a contratación da Conta Clara ou conta paquetizada e a domiciliación da súa nómina, pensión ou cota de autónomos na mesma. En consecuencia, o prescritor será o único e exclusivo responsable da distribución do seu número ou código de prescritor de acordo co establecido neste parágrafo.
- O prescritor comprométese a advertir aos seus familiares e/ou amigos aos que facilite o seu número ou código de prescritor de que non deberán realizar distribucións ulteriores do dito número ou código de prescritor a terceiros, de maneira que o prescritor garanta que unicamente el terá o control da distribución do seu número ou código. En consecuencia, ABANCA non se responsabiliza en ningún caso do acceso e utilización do número ou código de prescritor por parte de terceiros non autorizados por este. Así mesmo, ABANCA terá por certo en todo caso que se unha persoa, no proceso de contratación da Conta Clara ou conta paquetizada, introduce ou indica o número ou código de prescritor, dito número ou código lle foi facilitado directamente polo propio prescritor aos efectos do Programa “Trae un amig@” regulado polas presentes Bases Legais.
- O prescritor responderá fronte a ABANCA e fronte a terceiros do incumprimento pola súa parte do disposto nas presentes Bases Legais.
- ABANCA resérvase o dereito tanto de non admitir ou excluír aos prescritores que faciliten datos falsos, erróneos ou inexactos ou que incumpran o establecido nas presentes Bases Legais, como de bloquear ou retrotraer das súas respectivas contas correntes o importe do beneficio que puidesen obter con motivo deste Programa, se ABANCA tivese coñecemento de que os prescritores incumpriron estas Bases ou realizasen, no ámbito do Programa, algunha actuación ilícita ou que lesionase os bens ou dereitos de ABANCA ou dun terceiro.
Fiscalidade
De acordo coa normativa vixente, a entrega do incentivo por parte de ABANCA constitúe un rendemento de capital mobiliario dinerario suxeito ao Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) do seu perceptor, retribución sometida, se é o caso, á correspondente obriga de retención por parte do pagador, de acordo co establecido polo artigo 75 do Regulamento do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, aprobado por Real Decreto 439/2007, do 30 de marzo.
Rexime de Protección de datos de carácter persoal
a. Quen é o responsable do tratamento dos datos do prescritor?
É ABANCA Corporación Bancaria, S.A. (en diante, “ABANCA”), con NIF A-70302039 e domicilio social en Betanzos (A Coruña), na Rúa Cantón Claudino Pita nº 2, C.P 15300.
En ABANCA contamos cun Delegado de Protección de Datos, formalmente designado, co que o prescritor pode poñerse en contacto se o necesita, escribindo a privacidad@abanca.com.
b. Que datos persoais do prescritor tratamos?
ABANCA poderá tratar: (i) os datos do prescritor dos que dispoña con motivo das relacións contractuais que o prescritor manteña con ABANCA (concretamente, os datos relativos a que o prescritor é titular dunha conta en ABANCA, os datos de contacto do prescritor e a información económica do mesmo necesaria para comprobar a inexistencia de situacións de morosidade ou irregularidade conforme ao disposto nestas Bases; e tamén: (ii) os datos do prescritor que se xeren con motivo da súa participación no Programa “Trae un amig@” (p.ex., o dato relativo ao beneficio que, se é o caso, reciba o prescritor se se cumpren os requisitos establecidos nestas Bases Legais).
c. Para que tratamos os datos persoais do prescritor e baixo que lexitimación?
O tratamento dos datos persoais do prescritor persegue a finalidade de xestionar e tramitar a súa participación no Programa de ABANCA “Trae un amig@”, no caso de que o prescritor acepte as presentes Bases Legais, o que ocorrerá no suposto de que o prescritor distribúa aos seus familiares e/ou amigos o seu número ou código de prescritor asignado por ABANCA.
A base xurídica que lexitima o tratamento referido é o consentimento outorgado polo prescritor ao participar no Programa de ABANCA “Trae un amig@”.
d. Por canto tempo conservaremos os datos do prescritor?
Os datos persoais obtidos con motivo da participación no Programa serán conservados durante a vixencia da relación contractual do prescritor con ABANCA e, no caso de que o prescritor prestase o seu consentimento a tal efecto, serán conservados tamén con posterioridade á relación contractual por un prazo máximo de 5 anos.
Finalizada a relación contractual (ou, se é o caso, transcorrido o prazo de 5 anos), os datos serán bloqueados conforme ao disposto na normativa aplicable, o que implica a identificación e reserva dos datos, adoptando medidas técnicas e organizativas, para impedir o seu tratamento, excepto para a formulación, o exercicio ou a defensa de reclamacións ou para a súa posta a disposición de Xuíces e Tribunais, o Ministerio Fiscal ou as Administracións Públicas competentes, a efectos da atención ou esixencia de posibles responsabilidades derivadas do tratamento e só durante os prazos de prescrición legal das mesmas.
Transcorridos ditos prazos, os datos persoais serán eliminados.
e. Cales son os dereitos do prescritor?
A normativa de protección de datos confírelle ao prescritor os seguintes dereitos en relación co tratamento dos seus datos: - Dereito de acceso: Coñecer que tipo de datos estamos tratando e as características do tratamento que estamos levando a cabo. - Dereito de rectificación: Poder solicitar a modificación dos seus datos por seren estes inexactos ou non veraces. - Dereito de portabilidade: Poder obter unha copia nun formato interoperable dos datos que estean sendo tratados. - Dereito á limitación do tratamento nos casos recollidos na lei. - Dereito a opoñerse ao tratamento dos seus datos nos casos recollidos na lei. - Dereito de supresión: Solicitar a supresión dos seus datos cando o tratamento xa non resulte necesario. - Dereito a revogar o consentimento prestado.
O prescritor poderá exercer os seus indicados dereitos mediante comunicación dirixida ao Servizo de Atención ao Cliente de ABANCA na dirección postal: R/ Rúa Nova 1, Entreplanta, CP 15003, A Coruña, ou a través do correo electrónico atencioncliente@abanca.com indicando a referencia “Protección de Datos. Programa Trae un amig@” e o concreto dereito a exercer. Así mesmo, o prescritor ten dereito a presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos.
f. Responsabilidade do prescritor en relación coa información que ABANCA lle facilite respecto dos familiares e/ou amigos aos que o prescritor facilitase o seu número ou código promocional
Para xustificar o abono do beneficio que, se é o caso, lle corresponda ao prescritor conforme ao establecido nas presentes Bases Legais, ABANCA comunicaralle ao prescritor unicamente a seguinte información relativa ao familiar ou amigo que contratase a Conta Clara ou conta paquetizada e domiciliase nela a súa nómina, pensión ou cota de autónomos, baixo a recomendación do prescritor: o nome do familiar ou amigo e o feito de que contratou a Conta Clara ou conta paquetizada en ABANCA e domiciliou a súa nómina, pensión ou cota de autónomos na mesma.
O prescritor comprométese a manter a máis estrita confidencialidade respecto de dita información e, polo tanto, a non revelala a terceiros baixo ningún concepto nin a utilizala en beneficio propio ou de terceiros.
Modificación e cancelación destas Bases Legais
ABANCA resérvase o dereito de modificar e/ou cancelar en calquera momento o Programa “Trae un amig@” regulado polas presentes Bases Legais se as circunstancias así o esixisen a xuízo da propia ABANCA, sen asumir esta Entidade responsabilidade algunha pola modificación ou cancelación e comprometéndose a comunicar dita modificación ou cancelación na mesma forma e medios que os utilizados para as presentes Bases Legais.
Xurisdición
A resolución de calquera controversia que puidese xurdir en relación coa interpretación e execución das presentes Bases Legais, someterase á xurisdición dos Xulgados e Tribunais da Coruña capital.
Aceptación das presentes Bases Legais
Coa distribución por parte do prescritor do número ou código de prescritor asignado por ABANCA, aos seus familiares e amigos, entenderase que o prescritor coñece e acepta expresa e inequivocamente as presentes Bases Legais, así como, polo tanto, tamén a súa participación no Programa de ABANCA “Trae un amig@” conforme ás mesmas.