Por mor da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, o Goberno español adoptou diferentes medidas para lle facer fronte ao impacto económico e social, entre outras, unha iniciativa para que as entidades bancarias lles poidamos ofrecer axuda a aqueles arrendatarios que nestes momentos non lle poidan facer fronte ao pagamento dos seus alugueiros como consecuencia de circunstancias sobrevidas debida á crise sanitaria da COVID-19.

Esta axuda para o alugueiro, segundo se detalla na normativa que poñemos ao teu dispor máis abaixo, consiste na creación dunha liña de avais con total cobertura por parte do Estado para que lles poidamos ofrecer financiamento aos arrendatarios en situación de vulnerabilidade económica cun prazo de devolución de ata seis anos, prorrogable excepcionalmente por outros catro e que non comportará ningún tipo de gasto ou xuros para quen o solicite (0% TAE), sendo estes subvencionados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA). Isto é: un préstamo que lle aboaremos directamente ao teu arrendador para facer fronte a un máximo de seis mensualidades, que poderás devolver ao longo dos próximos seis anos, sen que teñas que pagar nin gastos nin comisións (0%TAE).

Tes toda a información legal na seguinte normativa:

Ten en conta que, se aínda non es cliente de ABANCA, para poder estudar a túa solicitude, debes darte de alta previamente como cliente. Podes facelo de forma online contratando a Conta Clara. Infórmate das condicións.

Que condicións deben cumprir os solicitantes?

Esta liña de axudas está destinada aos arrendatarios de vivenda habitual (persoas físicas, incluídos autónomos), residentes en España, cun contrato en vigor subscrito ao abeiro da Lei 29/1994, de arrendamentos urbanos, que se atopen en situación de vulnerabilidade económica por mor da emerxencia sanitaria ocasionada pola COVID-19, sempre que reúnan todos os seguintes requisitos:

  • Que o arrendatario ou algún dos membros da unidade familiar estea afectado por unha circunstancia que implique unha redución de ingresos consecuencia de estar nalgunha destas situacións: desemprego; expediente temporal de regulación de emprego (ERTE); que reducira a súa xornada por motivo de coidados; por cesamento da súa actividade dos traballadores por conta propia ou outras circunstancias similares que impliquen unha redución dos ingresos.

  • Que o conxunto dos ingresos dos membros da unidade familiar á que pertence non alcance, no mes anterior á solicitude da axuda, cinco veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples Mensual (IPREM): 2.689,20€.

  • Que, por mor da emerxencia sanitaria, a renda arrendaticia máis os gastos e subministracións básicas resulta superior ou igual ao 35% dos ingresos netos que percibe o conxunto dos membros da unidade familiar á que pertence. Para estes efectos, entenderase por "gastos e subministracións básicas" o importe do custo das subministracións de electricidade, gas, gasóleo para calefacción, auga corrente, dos servizos de telecomunicación fixa e móbil e as contribucións á comunidade de propietarios da vivenda habitual que lle corresponda satisfacer ao arrendatario.

Que documentación se debe achegar?

A concorrencia das circunstancias ás que se refire o apartado anterior acreditarase mediante a presentación da seguinte documentación (a que en cada caso corresponda para xustificar a túa situación):

  1. Percepción de ingresos polos membros da unidade familiar:
    • No caso de situación legal de desemprego: certificado expedido pola entidade xestora das prestacións no que figure a contía mensual percibida en concepto de prestacións ou subsidios por desemprego.
    • No caso de cesamento da actividade dos traballadores por conta propia: certificado expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria ou o órgano competente da comunidade autónoma, de ser o caso, sobre a base da declaración de cesamento da actividade declarada polo interesado.
  2. Número de persoas que habitan a vivenda:
    • Libro de familia ou documento acreditativo da inscrición como parella de feito.
    • Certificado de empadroamento relativo ás persoas empadroadas na vivenda, con referencia ao momento da presentación dos documentos acreditativos.
    • DNI e domicilio do solicitante.
  3. Titularidad dos bens: certificado catastral ou nota simple do servizo de índices expedidos polo Rexistro da Propiedade en relación con cada un dos membros da unidade familiar.

  4. Arrendamento:
    • Contrato de arrendamento en vigor no que figuren os datos do arrendador.
    • No caso de que non figure no contrato de arrendamento, conta corrente a nome do arrendador.
  5. Declaración responsable do arrendatario relativa ao cumprimento dos requisitos esixidos para considerarse sen recursos económicos suficientes. Este documento xenerarase cos datos da solicitude e asinarase posteriormente.

No caso de que o arrendatario non puidese achegar algún dos documentos detallados nos apartados anteriores deberá achegar unha declaración responsable que inclúa xustificación expresa dos motivos relacionados coas consecuencias da crise da COVID-19 que lle impiden tal achega. Máis abaixo facilitámosche un modelo que podes utilizar.

Finalmente, en relación coa información e/ou documentación que se debe achegar, garantes que, antes de facilitar a ABANCA calquera dato relativo ao resto de intervenientes no préstamo, ao arrendador e/ou aos membros da unidade familiar á que pertenzas, obterías as súas respectivas autorizacións para o tratamento dos seus datos por ABANCA coa finalidade de tramitar a solicitude das axudas e do préstamo correspondente, así como para a comunicacióm dos seus datos por ABANCA ás Administracións e organismos competentes.

Como e ata cando podo solicitar esta axuda?

Podes solicitar esta axuda para o alugueiro antes do 30 de setembro de 2020. podes iniciar a túa solicitude a través deste formulario. Lembra que, para poder tramitala, debes achegar no formulario a documentación referida no apartado anterior.

En calquera caso, ten en conta que, se non podes achegar algún dos documentos, poderás substituílo transitoriamente mediante unha declaración responsable que inclúa a xustificación dos motivos que che impiden tal achega. Posteriormente, dispoñerás dun prazo máximo de 3 meses tras a finalización do Estado de Alarma ou, no seu caso, das súas prórrogas, para completar a entrega da documentación solicitada.

En caso de non entregar no devandito prazo esta documentación, ou se documentación achegada non xustifica o cumprimento de todos os requisitos, procederase ao vencemento anticipado do préstamo, esixindo ao arrendatario a amortización inmediata das cantidades debidas. De igual forma, a Entidade non poderá realizar novos desembolsos con cargo ao préstamo concedido para atender o pago de novas mensualidades que, conforme ao contrato de arrendamento, proceda abonar ao arrendador.

No caso de ter contratada a banca móbil ou a banca electrónica, existe a posibilidade de asinar os documentos contractuais e os seus anexos a través da sinatura a distancia. O teu xestor informarate dos pasos a seguir.

Para calquera dúbida ou consulta podes contactar directamente co teu xestor ou oficina. Lembra que, por motivos de saúde, algunhas oficinas estarán temporalmente pechadas. Antes de que te achegues a unha das nosas oficinas, consulta os horarios e mais o protocolo de acceso.

Cando recibirei a axuda?

A solicitude da axuda para o alugueiro será efectiva no momento en que se comprobe que achegaches toda a documentación requirida e asinaches o contrato do préstamo. Se algún documento presentado é incorrecto, está incompleto, falta parte da documentación ou non xustificas a imposibilidade de achegala, recibirás unha comunicación neste sentido.

En que consiste esta axuda? Importe máximo e devolución

As solicitudes válidas recibirán:

  • Aboamento do importe correspondente a seis meses da renda pactada no contrato de arrendamento, cun máximo de 5.400 €, correspondente a unha renda mensual de 900 €, que lle efectuaremos directamente ao arrendador.
  • Devolución do préstamo formalizado con ABANCA nun prazo de seis anos, podéndose ampliar excepcionalmente a outros catro anos máis, e con posibilidade de carencia por un prazo máximo de seis meses.
  • Non se devindicarán xuros ordinarios e asumiraos o MITMA.

Consecuencias da aplicación indebida polo arrendatario das medidas para a axuda do alugueiro

Para rematar, queremos lembrarche cales serían as consecuencias se incorres en falsidade, ocultación ou inexactitude relevante cando presentes os documentos ou a declaración responsable:

  • Serás responsable dos danos e prexuízos que se puideran producir, así como de todos os gastos xerados pola aplicación destas medidas de axuda, sen prexuízo das responsabilidades doutra orde a que a túa conduta puidese dar lugar.
  • Se o préstamo estivese pendente de aboar, en todo ou en parte, cancelarase o aboamento das cantidades pendentes e deberás proceder á inmediata amortización anticipada do préstamo.
  • Esixirase o reintegro dos gastos e mais os xuros satisfeitos polo préstamo, a cuxo importe se lle aplicará o xuro de mora. -Tamén incorrerás en responsabilidade se, voluntaria e deliberadamente, buscas situarte ou manterte nos supostos de vulnerabilidade económica coa finalidade de obter a aplicación destas medidas.

Para saber máis...

dúbidas

DOCUMENTACIÓN