Información en materia de sustentabilidade Carteira ABANCA 360

Resumo

A Carteira ABANCA 360 é un produto financeiro que promove tanto características ambientais coma sociais pero que, a pesar de non ter un obxectivo de investimento sostible, se compromete a investir polo menos un 5% en investimentos sostibles.

A carteira segue unha estratexia de investimento denominada “modelo Alpha 360” no que se seleccionan algunhas das mellores IIC, tanto de xestoras internacionais coma marca ABANCA, co obxectivo de bater o mercado de maneira consistente. A carteira combina investimentos en IIC con diferentes vocacións investidoras, xeografías e temáticas. O seu obxectivo é conseguir unha rendibilidade positiva a medio e longo prazo investindo de forma responsable e contribuíndo positivamente ao medio natural e á sociedade.

Ademais, o produto ten en consideración as principais incidencias adversas sobre os factores de sostibilidade que poden causar os seus investimentos.

A carteira investirá polo menos un 50% en investimentos “Axustados a características ambientais ou sociais”. Para a promoción destas características ambientais e sociais aplícanse os seguintes criterios extrafinanceiros para seleccionar as súas IIC:

Criterios excluíntes: A carteira investirá maioritariamente (polo menos un 75%)en IIC clasificadas como artigo 8 ou 9 por SFDR, a sociedade xestora das mesmas debe ser asinante dos UN PRI e a exposición a actividades controvertidas tal e como se definen na Política de Investimento Sostible de ABANCA limítase a un máximo do 5% respecto ao total de investimentos da carteira.

Criterios valorativos: Avalíanse as posicións da carteira baseándose nos indicadores cuantitativos de Risco ESG e emisións de CO2 que nos facilita o provedor de datos ESG para os cales ABANCA estableceu uns limiares ou puntuacións mínimas.

Adicionalmente, a carteira comprométese a ter como mínimo un 5% de investimentos sostibles a través do compromiso mínimo que cada unha das IIC indica no seu anexo de sostibilidade podendo contribuír a obxectivos tales como a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, eficiencia enerxética, xestión eficaz dos recursos, protección dos ecosistemas terrestres e marítimos, produción e consumo responsable, entre outros.

Para a xestión utilízanse fontes de información maioritariamente externas como provedores de datos de sostibilidade e a información facilitada polas propias sociedades xestoras.

A pesar de que algúns provedores de información ambiental, social e de gobernanza (ESG) poidan facilitar en determinados casos datos estimados, isto non supón unha limitación nin lle afecta á promoción das características da carteira.

A política de implicación a longo prazo de ABANCA como accionista non se aplica cando o investimento se realiza a través de IIC, como é o caso da carteira ABANCA 360. Con todo, o equipo xestor mantén un diálogo activo coas sociedades xestoras das IIC nas que inviste.

A carteira non designou ningún índice de referencia.

Sen obxectivo de investimento sostible

Este produto financeiro promove características ambientais ou sociais, pero non ten como obxectivo un investimento sostible. Con todo, manterá unha porcentaxe mínima do 5% da súa carteira en investimentos sostibles, a través do compromiso mínimo que cada unha das IIC indica no seu anexo de sostibilidade, podendo contribuír a obxectivos tales como a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, eficiencia enerxética, xestión eficaz dos recursos, protección dos ecosistemas terrestres e marítimos, produción e consumo responsable, entre outros.

Características medioambientais ou sociais do produto financeiro

A carteira promove características ambientais e/ou sociais (ESG), e incorpora a sostibilidade ao proceso de investimento, seleccionando compañías aliñadas coas prácticas e o compromiso cos seguintes factores ESG:

Ambientais: redución da emisión de gases de efecto invernadoiro e da pegada de carbono, uso responsable dos recursos naturais a través de medidas que contribúan a reducir o impacto na biodiversidade do planeta, xestión adecuada dos residuos e fomento da economía circular e utilización de enerxías renovables.

Sociais: recoñecemento e aplicación das normativas globais no referente aos dereitos humanos, normas de traballo nas cadeas de subministracións, relacións con comunidades locais e a sociedade en xeral, políticas sólidas no coidado do capital humano, diversidade social, de xénero, inclusión, xeración de emprego e xestión responsable de clientes e produtos.

Goberno corporativo: compromiso do consello de administración coa xestión responsable e sostible das compañías, dereitos políticos, transparencia ou ética corporativa, distribución adecuada de membros independentes, diversos e con formación técnica suficiente para a xestión das compañías.

Estratexia de investimento

A carteira inviste exclusivamente a través de IIC.

Para a xestión da carteira séguese unha estratexia de investimento denominada “modelo Alpha 360” no que se seleccionan algunhas das mellores IIC, tanto de xestoras internacionais coma marca ABANCA, co obxectivo de bater o mercado de maneira consistente. A carteira combina investimentos en IIC con diferentes vocacións investidoras, xeográficas e temáticas. O obxectivo é conseguir unha rendibilidade positiva a medio e longo prazo investindo de forma responsable e contribuíndo positivamente ao medio natural e á sociedade.

Proporción de investimentos

A carteira investirá polo menos un 50% en investimentos “Axustados a características ambientais ou sociais” dos cales como mínimo un 5% estará investido en investimentos sostibles xa sexa cun obxectivo tanto ambiental coma social sen determinar de forma previa un mínimo en cada categoría.

Todas as exposicións son sempre indirectas, na medida en que a carteira non inviste directamente nas compañías, emisores etc. senón a través de IIC.

Seguimento das características medioambientais ou sociais

O seguimento das características ambientais e sociais promovidas pola carteira lévase a cabo a través dun dobre proceso de medición.

Por un lado, ao tratarse dunha carteira que inviste a través de institucións de investimento colectivo (IIC) utilízase a información que se obtivo das propias IIC como é a adhesión das sociedades xestoras aos Principios de Investimentos Responsable das Nacións Unidas (UN PRI), a clasificación das mesmas baixo o Regulamento (UE) 2019/2088 (SFDR), ou a información que as mesmas emiten en relación coas súas porcentaxes mínimas de promoción ESG, investimento sostible conforme a SFDR, porcentaxe de aliñamento con taxonomía ou se teñen en conta as principais incidencias adversas e de que tipo as teñen en conta (ambientais ou sociais ou de gobernanza).

Por outro lado, o equipo xestor de Abanca Corporación Bancaria, S.A. (ABANCA) utiliza os seguintes indicadores de sostibilidade que obtén do seu provedor externo de datos ESG: risco ESG, emisións de CO2 e a exposición a actividades controvertidas tal e como se definen na Política de Investimento Sostible de ABANCA.

Métodos das características medioambientais ou sociais

Para medir a promoción das características ambientais e sociais da carteira utilízanse os seguintes criterios

Criterios excluíntes: A carteira investirá maioritariamente (polo menos un 75%) en IIC clasificadas como artigo 8 ou 9 por SFDR, a sociedade xestora das mesmas debe ser asinante dos UN PRI e a exposición a actividades controvertidas tal e como se definen na Política de Investimento Sostible de ABANCA limítase a un máximo do 5% respecto ao total de investimentos da carteira.

Criterios valorativos: Avalíanse as posicións da carteira baseándose nos indicadores cuantitativos de Risco ESG e emisións de CO2 que nos facilita o provedor de datos ESG para os cales ABANCA estableceu uns limiares ou puntuacións mínimas.

Fontes e tratamento de datos

Para a xestión da carteira e a promoción das súas características ambientais e sociais utilízanse distintos provedores de datos como Clarity AI, MorningStar e Bloomberg. Ademais, obtense información directamente das sociedades xestoras, a través de diferentes métodos como os cuestionarios de dilixencia debida, os anexos de sostibilidade das IIC, ou do modelo EET (European ESG Template).

A través da comparación dos datos recibidos das distintas fontes de información garántese a calidade dos datos e que ABANCA dispón de información suficiente.

Ademais, ABANCA leva a cabo accións específicas de diálogo coas sociedades xestoras que teñen como obxectivo, entre outros, contrastar a información facilitada tanto polos provedores coma pola propia xestora e obter información adicional cando se considere necesario.

A información recibida das distintas fontes é analizada por ABANCA tanto de forma previa á selección das IIC que forman parte da carteira coma de forma continuada.

Na medida en que gran parte dos datos que se empregaron son facilitados por provedores externos, non é posible para ABANCA coñecer a proporción de datos que se obtiveron mediante estimación.

Limitacións dos métodos e os datos

ABANCA é consciente de que algúns provedores de datos de sostibilidade basean tanto a información facilitada coma as súas ratios ou puntuacións en estimacións.

Con todo, a información non se obtén unicamente de provedores de datos senón tamén directamente das propias sociedades xestoras. Ademais, realízanse comparacións entre os datos facilitados polas distintas fontes e lévanse a cabo actuacións de diálogo activo coas sociedades xestoras.

Polo tanto, ABANCA considera que isto non supón unha limitación e non lle afecta ao modo en que se promoven as características ambientais e sociais da carteira.

As limitacións actuais obedecen á falta de información no mercado respecto a algunhas cuestións relacionadas coa sostibilidade, posto que actualmente existe unha porcentaxe moi elevada de compañías que non están obrigadas a facilitar información de sostibilidade.

Dilixencia debida

O equipo de investimentos da entidade conta con procesos de control onde periodicamente se analiza o cumprimento dos indicadores citados anteriormente para garantir que as carteiras cumpren cos compromisos de integración de riscos ESG, promoción de características sostibles e porcentaxe de investimento sostible. Máis especificamente, os controis relacionados co aliñamento das carteiras ás preferencias de sostibilidade dos clientes realízanse cando hai cambios nas carteiras, e aqueles relacionados co cumprimento das características de sostibilidade aliñados coa normativa de divulgación SFDR realízase en primeiro lugar, previa entrada de calquera activo novo en carteira e, en segundo lugar, de forma trimestral. Ademais das medidas citadas anteriormente, a carteira ten en consideración as principais incidencias sobre os factores de sostibilidade (PIA) cuxo obxectivo é mellorar o perfil de sostibilidade das carteiras xestionadas e evitar ou reducir, na medida do posible, posibles controversias en materia de sostibilidade ao longo do tempo. Coa consideración de PIA, preténdese identificar, priorizar, xestionar, e cando resulte posible, mitigar os impactos negativos que poidan chegar a xerar sobre o medio natural e a sociedade.

Políticas de implicación

ABANCA conta cunha Política de Implicación que pretende establecer os principios xerais e criterios necesarios para garantir a súa adecuada implicación como accionista nas compañías cotizadas nas que inviste. Con todo, esta política só é de aplicación cando se inviste directamente nas compañías e non cando o investimento se fai a través de IIC tal e como fai a carteira.

Sen prexuízo do anterior, o equipo xestor de ABANCA estableceu procedementos internos de diálogo activo coas sociedades xestoras co obxectivo de, por unha banda, contrastar a información dispoñible e solicitar datos adicionais e, pola outra, poder debater determinadas cuestións relativas á estratexia de sostibilidade da IIC en cuestión.

Índice de referencia designado

A carteira non designou ningún índice de referencia.

Información sobre principais incidencias adversas

Declaración relativa as principais incidencias adversas das decisións de investimento sobre os factores de sostibilidade

ABANCA terá en conta as principais incidencias adversas que as decisións de investimento poidan ter sobre os factores de sostibilidade a nivel da entidade e, polo tanto, agregadamente para todas as carteiras xestionadas por ABANCA. Segundo o disposto no Artículo 4 do Regulamento (UE) 2019/2088 do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de novembro de 2019, sobre a divulgación de información relativa á sostibilidade no sector dos servizos financeiros.

Accede ó documento completo

Non consideración das incidencias adversas das decisións de investimento e do asesoramento en materia de investimento

ABANCA, cando preste o servizo de asesoramento en materia de investimento, non terá en conta as principais incidencias adversas sobre factores de sostilidade xa que, como asesor financeiro, non conta cunha política de debida dilixencia en relación con tales incidencias adversas. Pola súa banda, ABANCA Vida y Pensiones e ABANCA Mediación tampouco terán en conta as principais incidencias adversas sobre factores de sostibilidade, xa que non contan cunha política de debida dilixencia en relación con ditas incidencias.