Que é un depósito?
-
Que é un depósito? Un depósito é un produto bancario onde lle deixas unha cantidade de diñeiro ao banco para que cho garde durante un período de tempo determinado, e obtés en troco un beneficio. Hai varios tipos de depósitos en función das condicións baixo as que se pacta.
Nos depósitos a prazo fixo gardas unha cantidade no banco coa condición de que non a podes retirar ata un prazo determinado, nin toda nin en parte. A cambio recibes uns xuros que tamén son fixos: sabes exactamente canto vas gañar co depósito e cando vas ingresar o que gañes. Se retiras todo ou parte do depósito antes da data, exposte a unha penalización que varía en función das condicións do depósito.
Un depósito estruturado é un produto onde combinas a rendibilidade dun depósito coa dun investimento. Unha parte dos cartos que ingresas funciona como un depósito a prazo fixo, cunha rendibilidade tamén fixa, mentres que outra parte che produce beneficio en función da evolución dun activo financeiro (un índice bolsista, unha cesta de accións, as accións dunha compañía en concreto etc.). Esta parte variable é a que condiciona a rendibilidade do depósito: será máis rendible cando se cumpren as condicións previstas para o activo de referencia, ou menos rendible se non se cumpren. Podería ser que a rendibilidade fose unicamente a que producise o treito a prazo fixo, ou incluso que che xerase perdas. Polo tanto, non poderás coñecer a rendibilidade dos depósitos estruturados ata que venzan.
Un depósito garantido é un produto que normalmente está dispoñible para cantidades elevadas de diñeiro. Nel garántese o 100% do capital e unha determinada rendibilidade. Habitualmente son investimentos a longo prazo.
Compártelo en...Si crees que es interesante para otras personas, por favor, comparte esta información con ellas. - https://www.abanca.com/gl/axuda/que-e-un-deposito