Conta On Line

Condicións legais

Sobre os produtos

Este pack está composto por unha Conta Corrente On Line remunerada. A maiores, podes contratar unha tarxeta de débito asociada a esta conta, cuxa emisión e mantemento será totalmente gratis durante un ano. Podes asociar por engadidura todas as tarxetas de crédito ou débito que queiras.

A esta conta aplícaselle un TAE do 0,10%, de liquidación semestral. Este cálculo só se fai cando o saldo excede os 3.000 €.

Podes domiciliar na Conta On Line os pagamentos de todas as facturas, recibos e documentos similares que queiras, sen custo ningún, e entregar en xestión de cobro ou desconto documentos cambiarios (letras de cambio, cheques e pagarés).

Non estamos obrigados a atender disposicións en descuberto. Porén, se se producen, debes repor os fondos de inmediato, e mentres non o fagas terás que asumir os xuros e comisións establecidas en cada momento.

1. Titulares e duración do contrato

Este contrato formalízase por tempo indefinido e só admite persoas físicas. Nela poden figurar:

2. Resolución do contrato

Tanto ti, como titular, como ABANCA podemos cancelar a conta en todo momento, sen motivación ningunha e sen prexuízo das operacións en curso. A resolución do contrato non che suporá ningún custo adicional.

Para cancelar a Conta, debes avisarnos cun mes de antelación. En caso de que sexamos nós quen decide cancelala, avisarémosche con dous meses de adianto, agás se incumpriches algunhas das condicións do contrato.

O contrato resolverase de xeito automático se deixas de cumprir os requisitos que che sinalamos arriba ou se cancelas algún dos produtos que integran este pack.

3. Modificación de condicións

Gardamos o dereito a modificar as características e condicións dos produtos que integran este contrato. Se a modificación resultase máis favorable para ti como titular, aplirémola de forma inmediata.

Nos demais supostos, avisarémosche con dous meses de adianto respecto á data na que debe entrar en vigor a modificación. Se queres, durante ese prazo, podes resolver o contrato de forma inmediata e sen custo ningún. Se es non consumidor, o prazo será dun mes.

4. O fondo de garantía de depósitos

ABANCA está adscrita ao Fondo de Garantía de Depósitos español, que se creou mediante o Real Decreto Lei 16/2011, de 14 de outubro (BOE 249, de 15 de outubro). O importe máximo garantido polo Fondo de Garantía de Depósitos é cen mil euros (100.000 €).

O importe garantido aplicarémolo por depositante, sexa unha persoa natural ou xurídica e independentemente do número e clase de contas de depósitos de efectivo onde figuremos como titulares.

O importe do garantido dividirase entre os titulares da conta conforme se describa no contrato e, se nel non se describe ningún xeito especial de facer o reparto, farase a partes iguais.

5. Principios comúns para o traslado de contas bancarias

ABANCA está adherida aos principios comúns para o traslado de contas bancarias, o que implica que colaboraremos contigo na realización dos trámites necesarios para un traslado áxil e rápido.

Estes principios aplícanselles aos titulares que desexan mudar a operativa de pagamentos dunha entidade de crédito a outra, dentro do ámbito nacional. Todos os titulares da conta antiga debedes selo na nova. Para estes efectos, enténdese como cliente a persoa física que intervén como titular da conta e que a utiliza con fins alleos á súa actividade económica, comercial ou profesional.