Termos e condicións de Apple Pay
TERMOS E CONDICIÓNS DE ABANCA PARA EL SERVIZO “APPLE PAY”
1. Que é "Apple Pay" e como funciona
"Apple Pay" é unha aplicación que ABANCA Corporación Bancaria, S.A. (ABANCA) pon ao dispor dos seus clientes para que poidan pagar as compras presenciais e non presenciais coas súas tarxetas ABANCA, utilizando o seu iPhone, Apple Watch, iPad ou MacBook Pro (dispositivos Apple). Esta aplicación almacena os datos que previamente Vde. introduciu das súas tarxetas, ao incorporar ou "enrolar" as súas tarxetas no dispositivo Apple.
O uso das súas tarxetas de ABANCA en "Apple Pay" está suxeito aos presentes termos e condicións de ABANCA, así como aos termos e condicións de Apple e de "Apple Pay" e á política de privacidade de Apple, que debe Vde. aceptar. Así mesmo, para poder utilizar "Apple Pay", pode cumprir que acepte os termos e as condicións de terceiros provedores que lle presten os seus servizos á plataforma "Apple Pay" ou integrados nela, e a súa política de privacidade.
ABANCA non pode exercer ningún control sobre as decisións de Apple de cambiar os termos e condicións e a política de privacidade de Apple relacionados con "Apple Pay" ou con calquera dos seus servizos ou plataformas.
Debe ter en conta que a incorporación das súas tarxetas ABANCA nos dispositivos Apple non constitúe a emisión de ningunha nova tarxeta, polo que o uso das súas tarxetas ABANCA que realice cos dispositivos Apple, que segue sendo un servizo de pagamento prestado por ABANCA, segue estando suxeito ás condicións dos contratos de tarxeta subscritos entre Vde. e ABANCA, que Vde. se compromete a cumprir.
Por iso, debe ter en conta que os presentes termos e condicións non modifican nin substitúen as condicións xerais e particulares dos contratos de tarxeta que Vde. teña subscritos con ABANCA, non modifican os límites dos importes das tarxetas nin tampouco a modalidade de pagamento vixente en cada momento para cada unha das tarxetas ABANCA. Con todo, no caso de conflito entre os presentes termos e condicións e as condicións xerais ou particulares das súas tarxetas de ABANCA, prevalecerá o sinalado nos presentes termos e condicións.
Listaxe de tarxetas ABANCA non admitidas en "Apple Pay":
- Tarxetas Visa Prepagamento
- Tarxeta Comercio
- Tarxeta Gasóleo Bonificado
- Tarxeta Só Ingresos
- Tarxetas Cooperativas
ABANCA conservará a facultade de modificar as tarxetas habilitadas para usar a través de "Apple Pay", e no caso de modificación informarao diso.
2. Custo do servizo "Apple Pay"
ABANCA non cobrará ningún tipo de cargo adicional, diferente ao propio das tarxetas ABANCA, polo seu uso a través de "Apple Pay".
Con todo, os termos e condicións de terceiros poden supor cargos, limitacións e restricións que puidesen chegar a afectar o uso da súa tarxeta no seu dispositivo Apple, tales como cargos polo uso de datos móbiles ou mensaxes de texto por parte do seu provedor de servizos de rede.
3. Uso de "Apple Pay" e autorización das operacións de pagamento
-
Para operacións presenciais (comercios, caixeiros automáticos e máquinas de venda automática que sexan compatibles coa tecnoloxía NFC, Near Field Communication): para iniciar a operación cómpre que o dispositivo Apple teña activada a tecnoloxía NFC. Vde. debe acceder á aplicación "Apple Pay" a través do seu dispositivo Apple (iPhone, Apple Watch, iPad etc.), escoller nesta aplicación a tarxeta de ABANCA coa que desexe pagar e achegar o seu dispositivo Apple ao TPV do comercio (ou dispositivo equivalente, no caso de caixeiros e máquinas de venda automática), que deberá ser contactless. A operación de pagamento iniciarase sen que cumpra realizar ningunha acción adicional, polo que debe verificar a exactitude dos datos da operación antes de achegar o seu dispositivo Apple ao TPV (ou dispositivo equivalente). Con todo, nos casos en que cumpra a aplicación de autenticación reforzada Vde. deberá facilitar os factores de autenticación que se lle soliciten, consonte o previsto en cada momento nos contratos de tarxeta que ten subscritos con ABANCA. Para acceder e usar a aplicación "Apple Pay" a través do seu dispositivo Apple, deberá seguir as instrucións que en cada momento se establezan e, de ser o caso, introducir os datos biométricos (p.e. impresión dixital, recoñecemento facial) que lle solicite o dispositivo Apple. Unha vez realizados estes pasos, a operación de pagamento entenderase consentida.
-
Para operacións non presenciais: Vde. debe escoller "Apple Pay" entre as opcións de pagamento que lle mostre a páxina web do comercio no que vaia pagar a compra que quere realizar desde o seu dispositivo Apple (iPhone, iPad ou Mac etc.). A seguir, deberá seleccionar a tarxeta de ABANCA coa que desexe pagar e seguir as indicacións que en cada caso se establezan e, de ser o caso, introducir os datos biométricos (p.e. impresión dixital, recoñecemento facial) que lle solicite o dispositivo Apple. Unha vez realizados estes pasos, a operación de pagamento entenderase consentida.
Desde o momento no que Vde. prestou o consentimento segundo o que se indica nos parágrafos anteriores, a operación de pagamento considerarase autorizada e polo tanto non será revogable.
A creación de datos biométricos (p.e. "Touch ID") dos seus dispositivos Apple a prol de terceiras persoas para o desbloqueo do dispositivo Apple tamén lles permite a eses terceiros realizar pagamentos coas súas tarxetas ABANCA a través dese dispositivo. Estes pagamentos serán válidos, autorizados e, polo tanto, non revogables por ese motivo.
4. Alta do cliente en "Apple Pay" para ABANCA e selección de tarxetas ABANCA
Poden darse de alta en "Apple Pay" os clientes persoas físicas que dispoñan dun dispositivo Apple cuxa versión sexa compatible con esta aplicación, aceptaran os termos e condicións e a política de privacidade de Apple, e dispoñan dunha versión actualizada da aplicación "Apple Pay" utilizada para estes efectos.
Vde. debe acceder á aplicación "Apple Pay" dispoñible no seu dispositivo Apple e introducir neste os datos solicitados da tarxeta de ABANCA que desexe dar de alta (número completo da tarxeta, data de vencemento e CVV -ou equivalente-, así como aquela información adicional que Apple poida razoablemente solicitar). Vde. poderá introducir estes datos ben manualmente (por exemplo, tecleándoa ou tirándolle unha fotografía á tarxeta), facilitando o acceso aos datos das súas tarxetas que Apple xa tivese almacenados, ou a través de calquera outro medio que poida poñer ao dispor do cliente. Posteriormente, deberá aceptar os presentes termos e condicións de ABANCA.
A seguir e para garantir a súa identidade e mais o consentimento, deberá introducir no dispositivo Apple os factores de autenticación que en cada caso se requiran, consonte o establecido en cada momento nos contratos de tarxeta que ten Vde. subscritos con ABANCA.
5. Baixa das súas tarxetas de ABANCA en "Apple Pay"
Vde. poderá dar de baixa as tarxetas de ABANCA de "Apple Pay" en calquera momento e con efectos inmediatos, sen prexuízo da liquidación e cargo das operacións que estivesen pendentes, que se liquidarán e cargarán segundo o acordado nos respectivos contratos de tarxeta que Vde. teña subscritos con ABANCA.
Este proceso poderase realizar na propia aplicación "Apple Pay" ou chamando ao call center de ABANCA no número de teléfono 981910785.
6. Duración do servizo "Apple Pay"
ABANCA prestará o servizo de pagamento a través de "Apple Pay" con carácter indefinido.
Con todo, ABANCA poderá suspender ou cancelar a prestación do servizo "Apple Pay" comunicándollo con dous meses de antelación. Así mesmo ABANCA deixará de prestar o servizo no caso de que Apple Inc., como provedor de ABANCA para a plataforma "Apple Pay", deixe por calquera motivo de lle prestar o seu servizo a ABANCA.
7. Conservación e custodia
Vde. ten o deber de conservar e custodiar as súas tarxetas ABANCA debidamente, tendo en conta que estas son persoais e intransferibles, e que os datos das tarxetas que introduce no dispositivo Apple se almacenan neste. Deberá manter en segredo calquera código que permita operar en "Apple Pay", debendo tomar cantas precaucións sexan necesarias para garantir a seguridade das súas tarxetas, especialmente a de non anotar no dispositivo Apple, nin en ningún documento que transporte Vde. ao seu carón, ningún código persoal asignado para "Apple Pay" para evitar o uso fraudulento no caso de extravío, subtracción ou apropiación indebida.
En calquera caso, ABANCA non se fai responsable dos datos almacenados no seu dispositivo Apple.
8. Extravío, subtracción ou apropiación indebida do dispositivo Apple
Ante o extravío, subtracción ou apropiación indebida do dispositivo Apple, ou da súa utilización non autorizada por Vde., serán de aplicación as mesmas condicións previstas nos contratos de tarxeta que ten subscritos con ABANCA, respecto das tarxetas de ABANCA que dera de alta na aplicación "Apple Pay".
Vde. deberalle comunicar esta circunstancia a ABANCA sen demora indebida en canto teña coñecemento diso, a través de calquera das canles habilitadas para tal fin. Lembrámoslle que o poderá facer a través do teléfono 981910785. Vde. tamén deberá comunicar a falsificación ou calquera violación de seguridade do dispositivo Apple ou o coñecemento por terceiros, contra a súa vontade, dos códigos que permitan operar en "Apple Pay".
A comunicación por Vde. destas circunstancias á operadora de telefonía móbil, a Apple ou ao vendedor do dispositivo Apple non é abondo.
9. Bloqueo das tarxetas ABANCA
ABANCA poderá bloquear as tarxetas cuxos datos se almacenaron nos dispositivos Apple, no caso de que existan razóns obxectivamente xustificadas relacionadas coa súa seguridade, sospeita de utilización non autorizada ou fraudulenta ou, no caso de que estea asociada a unha liña de crédito, un aumento significativo do risco de que Vde. poida ser incapaz de lle facer fronte á súa obriga de pagamento.
ABANCA deberá comunicar este bloqueo, se é posible, antes de ser efectivo, e de non resultar posible, inmediatamente despois deste, a menos que tal información resulte comprometida por razóns de seguridade obxectivamente xustificadas ou fose contraria a calquera outra disposición normativa. ABANCA desbloqueará as tarxetas unha vez deixen de existir os motivos para bloquear a súa utilización, sen custo ningún para Vde. O anterior entenderase sen prexuízo do seu dereito a solicitar o desbloqueo en tales circunstancias, nos termos previstos nos termos e condicións dos contratos de tarxeta que teña subscritos con ABANCA.
10. Responsabilidade
Apple Distribution International (ADI) é quen prové a ABANCA a plataforma de pagamento "Apple Pay", entendendo como tal o software, a tecnoloxía e demais elementos tanxibles e intanxibles que a conforman, mentres que ABANCA só presta o servizo de pagamento.
ADI é o único responsable do correcto funcionamento da plataforma, polo que ABANCA non será responsable en modo ningún por ningunha circunstancia que orixine unha interrupción, impida ou afecte dalgún modo o funcionamento da tarxeta ABANCA, tales como a falta de dispoñibilidade de "Apple Pay" ou o seu servizo de comunicacións sen fío, atrasos na rede, limitacións de cobertura sen fío, interrupcións do sistema ou a interrupción dunha conexión sen fío.
Polo tanto, Vde. coñece e acepta que ABANCA depende total e exclusivamente de ADI e do procesador das operacións que se realizan a través da plataforma "Apple Pay", para lles poder prestar o servizo "Apple Pay" aos seus clientes titulares de tarxetas ABANCA. Por esta razón, ABANCA pode verse obrigada en calquera momento a ampliar, reducir ou suspender as operacións de pagamento a través do servizo "Apple Pay" ou cambiar calquera proceso.
Así mesmo ADI é quen decide ao seu exclusivo criterio cal debe ser a experiencia de usuario da plataforma "Apple Pay", as medidas de seguridade aplicables ás operacións de pagamento realizadas a través dela, e os métodos de autenticación para estas operacións aplicables en cada momento para poder usar "Apple Pay".
11. Modificacións nos termos e condicións do servizo "Apple Pay"
A prestación do servizo "Apple Pay" realizarase nas condicións que se establecen nos presentes termos e condicións.
Con todo, ABANCA poderá modificar estes termos e condicións mediante unha comunicación individual a Vde., cunha antelación mínima de dous meses á entrada en vigor. As modificacións poderán ter efectos inmediatos se supuxesen unha mellora para Vde., ou se resultan motivadas en decisións de Apple como provedor da plataforma "Apple Pay".
Para poder continuar usando o servizo "Apple Pay", Vde. deberá introducir no dispositivo Apple os factores de autenticación que en cada caso se requiran, consonte o establecido en cada momento nos contratos de tarxeta que ten subscritos con ABANCA. Se Vde. non aceptase as modificacións, non poderá continuar usando o servizo "Apple Pay" e deberá darse de baixa no servizo dando de baixa as súas tarxetas ABANCA en "Apple Pay".
Así mesmo, ABANCA manterá o dereito de deixar de ofertar a inclusión das súas tarxetas no servizo "Apple Pay", como consecuencia (ou non) de modificacións introducidas por Apple na plataforma.
12. Protección de datos e seguridade
O uso das tarxetas ABANCA a través do servizo "Apple Pay" implica a transmisión electrónica de información persoal a través de conexións con terceiros.
ABANCA non ten ningún control sobre estas conexións e polo tanto non pode garantir a privacidade ou seguridade da transmisión dos datos, polo que Vde. debe informarse sobre as prácticas de privacidade e seguridade do seu provedor de dispositivos Apple e provedor de servizos de rede.
Para prestarlle o servizo de pagamento mediante a tarxeta, ABANCA tratará os seus datos de carácter persoal como emisor das tarxetas integradas no dispositivo Apple, consonte os termos e condicións do contrato de emisión de tarxetas asinado entre Vde. e ABANCA.
Vde. poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación e portabilidade mediante un escrito dirixido ao Servizo de Atención ao Cliente de ABANCA na Rúa Nueva, 1 - Entreplanta, 15003, A Coruña ou mediante un correo electrónico ao enderezo atencioncliente@abanca.com.
Para máis información sobre tales dereitos, como exercitalos e, en xeral, a política de privacidade de ABANCA: https://www.abanca.com/es/legal/politica-privacidad
ACCESO AOS DATOS DE PAGAMENTO POLO TITULAR DE "APPLE PAY": o servizo de integración e operatividade da tarxeta de ABANCA a través do dispositivo Apple, que lle presta o titular de "Apple Pay", supón o tratamento dos datos de pagamento por medio da aplicación "Apple Pay" consonte unhas condicións xerais alleas a ABANCA.
Lea atentamente as condicións de "Apple Pay" que aceptou cando a instalou no seu dispositivo Apple e cando agregou as súas tarxetas de ABANCA nesta aplicación, co fin de coñecer as condicións do tratamento dos datos por parte do seu titular, así como a forma de exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación e portabilidade que lle garante a lei.
ABANCA non lle pode prestar ningunha garantía nin responsabilidade respecto do tratamento de datos que leva a cabo o titular de "Apple Pay".
13. Marcas
Apple, Apple Pay, Apple Watch, iPad, iPhone, Touch ID ou MacBook Pro, entre outras, son marcas rexistradas de Apple Inc., rexistradas en EE.UU. e noutros países.
14. Notificacións
As canles entre o cliente e ABANCA para os efectos de notificacións respecto ao uso do servizo "Apple Pay" son as seguintes:
- A propia aplicación Wallet de Apple
- O teléfono de atención ao cliente de ABANCA: 981910785
- A aplicación de banca móbil de ABANCA
15. Lexislación
Os presentes termos e condicións serán interpretados e cumpridos nos seus propios termos e, no non previsto, rexeranse pola lexislación española na materia, axustándose a esta as obrigas e responsabilidades das partes.
16. Foro
O foro aplicable será o previsto no correspondente contrato de emisión das tarxetas de ABANCA dadas de alta no servizo "Apple Pay".