Faite cliente

Guía de investimento e bolsa

Guía de investimento e bolsa

O primeiro paso para aprender a xestionar os teus investimentos con criterio

Investir é unha ferramenta útil para protexer o teu capital fronte ao impacto da inflación a longo prazo e axudarche a acadar as túas metas financeiras. Non obstante, debes lembrar que toda inversión leva asociados riscos, incluída a perda do capital investido ou a ausencia de rendibilidade. Nesta guía de investimento e bolsa desglosamos, desde os conceptos máis básicos ata os produtos máis avanzados, a información necesaria para que coñezas como operar nos mercados. Asegúrate de ter claros os teus obxectivos. Se tes dúbidas sobre por onde comezar, consulta que necesitas para investir

Glosario de conceptos de Investimento

Para tomar decisións de investimento informadas, primeiro debemos dominar os conceptos básicos.

Que é unha acción e como se inviste en bolsa?

Unha acción é un título que representa unha parte proporcional do capital social dunha empresa. Ao comprala, convérteste en accionista (copropietario).

Invístese a través dun intermediario financeiro autorizado ou bróker, comprando e vendendo estes títulos en mercados secundarios (como o IBEX 35 ou o NASDAQ) buscando rendibilidade vía dividendos ou polo aumento do valor da propia acción.

O investimento en accións implica que esteas disposto a asumir un risco moi alto de perda do capital investido.

Que é un fondo de investimento e como funciona?

É un instrumento de investimento colectivo. O diñeiro de moitos investidores, denominados partícipes, agrúpase nun fondo xestionado por profesionais (sociedade xestora) que mercan unha cesta diversificada de activos. A súa gran vantaxe é que permite acceder a mercados profesionais con importes pequenos.

O investimento en fondos de investimento implica diversos riscos e dependendo da vocación investidora do fondo, dos activos nos que invista… o nivel de risco do mesmo variará.

Que é a diversificación e por que é clave?

É a estratexia de repartir o capital en diferentes tipos de activos, sectores, xeografías e divisas co obxectivo de xestionar e mitigar o risco global da carteira de investimento.

Que significa liquidez en investimento?

A liquidez é a facilidade e rapidez coa que podes converter un investimento de novo en diñeiro.

Como afecta a volatilidade aos meus investimentos?

A volatilidade mide canto varía o prezo dun activo nun tempo determinado. Unha volatilidade alta implica maiores oscilacións de prezo, o que pode derivar tanto nun maior potencial de rendibilidade como nun risco significativamente máis alto de sufrir perdas patrimoniais sobre o capital investido.

Cal é a diferenza entre renda fixa e renda variable?

  • Renda Fixa (como bonos ou letras): Cando invistes en renda fixa, estáslle prestando diñeiro a unha entidade (un Estado ou unha empresa pública ou privada) a cambio de que cho devolva nun prazo determinado xunto con uns intereses previamente pactados. Non che dá ningún dereito de propiedade nin de voto na entidade. Só es un acredor. Emítese con unhas condicións financeiras coñecidas de antemán e non está exenta de riscos, tales como o risco de crédito do emisor ou o risco de fluctuación do prezo no mercado secundario se decides vender o título antes do seu vencemento.

  • Renda Variable (accións): Cando invistes en renda variable, estás mercando unha parte dunha empresa (accións). Ao converterte en copropietario, o teu diñeiro evoluciona segundo lle vaia ao negocio e á economía en xeral. Non permite coñecer a rendibilidade futura e os prezos dependen integramente das condicións do mercado.

Tanto os investimentos en renda fixa como en renda variable implican riscos de diverso tipo, existindo o risco de perda do capital investido.

Que é un perfil de risco investidor?

É, principalmente, a combinación da túa capacidade financeira, é dicir, a relación entre o risco que estás disposto a asumir fronte á rendibilidade esperada, a capacidade para asumir perdas e a túa tolerancia psicolóxica a ver baixar os teus investimentos. En ABANCA dispoñemos dos seguintes perfís de risco: Conservador, Moderado, Decidido ou Agresivo.

Que é a xestión activa e pasiva?

  • Activa: Un equipo xestor profesional toma decisións constantes de compra e venda de activos co obxectivo de tentar superar a rendibilidade dun mercado de referencia.

  • Pasiva: A estratexia de investimento limítase a replicar a evolución dun índice de mercado concreto (como o S&P 500), o que habitualmente permite ofrecer comisións de xestión máis baixas.

Que é un bróker online?

É a plataforma a través da cal podes transmitir as túas ordes de valores, así como facer seguimento dos teus investimentos.

ABANCA pon á túa disposición o seu Bróker Online para operar de forma áxil.

Lembra que o investimento en mercados financeiros implica custos operativos (comisións de intermediación e custodia) e o risco de perda do capital investido.

En que podes investir?

ABANCA pon á túa disposición diversos produtos e servizos de investimento como os seguintes:

Fondos de Investimento

Os fondos de investimento son produtos versátiles onde profesionais xestionan o teu diñeiro. En ABANCA ofrecemos diferentes fondos segundo, por exemplo, o nivel de risco e a posibilidade de sufrir perdas que esteas disposto a asumir. Máis información sobre que son os Fondos de Investimento

Accións

Compra títulos das empresas máis importantes do mundo. Require un seguimento estreito e unha estratexia definida debido á oscilación dos prezos e á posibilidade de sufrir perdas no capital investido.

ABANCA dispón do Bróker Online onde poderás levar o control dos teus investimentos.

Xestión Delegada de Carteiras

A Xestión Delegada de Carteiras é unha boa opción para quen non quere ou non pode seguir o mercado a diario, delegando a xestión dunha carteira de fondos de investimento en ABANCA. Definimos o teu perfil en base aos resultados do test de idoneidade e o noso equipo de expertos encárgase da xestión da túa carteira: compramos, vendemos e axustamos a túa carteira buscando optimizar a relación entre rendibilidade e risco de acordo ao teu perfil, tendo en conta que toda inversión leva risco de perda do capital.

ETF ou Fondos cotizados

Os ETFs son fondos de investimento cotizados. Son eficientes en custos fronte a fondos tradicionais, e replican un índice cotizado, coas súas mesmas fluctuacións, polo que asumen plenamente o risco e a rendibilidade do mercado de referencia.

Como elixir o mellor produto de investimento?

Non existe unha "mellor inversión" absoluta, senón unha inversión axeitada para cada persoa. Para acertar, debes analizar as túas necesidades actuais e as túas metas futuras de forma obxectiva.

Factores clave para comparar produtos de investimento

Para non perderte, utiliza estes tres piares de decisión:

  1. Nivel de risco: Define canto estás disposto a que o teu capital oscile e o nivel de perda que asumirías a cambio dunha potencial rendibilidade.

  2. Horizonte temporal: Cando vas necesitar o diñeiro? O prazo é clave: os investimentos a longo prazo dispoñen de maior marxe temporal para afrontar a volatilidade, aínda que manter o investimento no tempo non garante a recuperación das perdas nin asegura rendibilidades positivas.

  3. Diversificación: Asegúrate de que o produto non concentre todo o risco nunha soa empresa ou sector ou inviste en diversos valores.

  4. Custos e comisións: Un 1% de diferenza en comisións pode supoñer unha gran diferenza no teu beneficio final tras 10 anos.

Análise de mercados e seguimento de investimentos

O investimento non remata coa compra; é un proceso vivo. Saber interpretar o que ocorre no entorno económico permitirache avaliar a túa estratexia.

Como ler e interpretar os informes do mercado

Unha boa análise non predí o futuro, pero explica a situación presente do mercado. Ao ler informes, fíxate en:

  • Macroeconomía: Factores como os tipos de xuro dos bancos centrais e a inflación. Son variables clave que adoitan influír de forma directa nas valoracións macroeconómicas e na rendibilidade dos activos de renda fixa (como os bonos).

  • Resultados empresariais: É un dos factores principais que adoita impactar na valoración corporativa e no prezo de cotización das accións na bolsa.

  • Tendencias e patróns: Identifica se os mercados financeiros globais se atopan nun ciclo alcista (crecemento estrutural) ou baixista (fase de axuste) para xestionar correctamente as túas expectativas.

Usos prácticos dos datos na túa carteira

Como inflúe a información nas túas decisións?

  • Reequilibrio da carteira: Se un activo experimentou unha subida importante, o seu peso porcentual dentro da túa carteira aumenta de forma natural. Analizar estes datos axúdache a valorar se é necesario realizar axustes operativos para tentar manter o nivel de risco orixinalmente desexado.

  • Reaccionar vs. Actuar: Un dato macroeconómico negativo puntual non debería alterar unha estratexia financeira deseñada a longo prazo. Utiliza os datos con rigor para confirmar a túa estratexia de investimento inicial e evita improvisar ante as fluctuacións do mercado.

Os mandamentos do bo investidor

Erros comúns ao investir

Identificar estes fallos a tempo pode aforrarche grandes imprevistos no teu patrimonio:

  1. Falta de diversificación: Concentrar todo o teu capital nun só activo ou sector aumenta exponencialmente o risco. Se esa empresa ou sector sofre, a túa carteira verase afectada.

  2. Investir sen un obxectivo claro: Sen unha meta definida (xubilación, compra de vivenda, estudos), é moi complexo elixir o produto de investimento ou o prazo temporal axeitado.

  3. Actuar por emocións: Actuar precipitadamente fronte ás caídas e subidas adoita levar a comprar caro e vender barato. É preferible analizar ben a situación para tomar decisións acertadas.

  4. Ignorar custos e fiscalidade: As comisións, tanto dos propios produtos como dos servizos, e os impostos sobre os beneficios impactan directamente na túa rendibilidade neta. Non mires só o beneficio bruto.

  5. Non revisar nin axustar a carteira: Os mercados financeiros cambian. Unha carteira de investimento desatendida pode descompensarse dos seus porcentaxes orixinais e deixar de cumprir cos teus obxectivos iniciais.

  6. Seguir consellos non profesionais: As recomendacións non verificadas de terceiros non substitúen a análise técnica dos mercados. Confía unicamente en fontes financeiras debidamente contrastadas e reguladas.

Boas prácticas do investidor

  1. Revisión periódica: Analiza a túa carteira periodicamente para asegurar que segue aliñada co teu perfil de risco.

  2. Formación continua e decisións informadas: Entende sempre as características esenciais do produto no que estás a investir. O coñecemento técnico é a mellor ferramenta para xestionar o pánico ante a volatilidade.

  3. Diversificar activos e horizontes: Reparte o teu investimento en diferentes produtos financeiros para evitar a concentración de risco nunha soa alternativa.

  4. Avaliación risco-beneficio: Antes de realizar unha contratación, non analices unicamente canto podes gañar; analiza sempre canto poderías chegar a perder no peor escenario do mercado, asumindo que todo investimento en mercados financeiros leva o risco de sufrir perdas patrimoniais ou, incluso, a perda total do capital investido.

  5. Buscar asesoramento profesional: Ante calquera dúbida, consulta con expertos. Un asesor financeiro profesional, como os de ABANCA, axudarache a manter a folla de ruta en momentos de incerteza de acordo co teu perfil de risco, obxectivos de investimento, horizonte temporal e preferencias de sustentabilidade.