Información sobre o Código de Boas Prácticas 2012

Reestruturación da débeda hipotecaria de debedores sen recursos.

    O Real Decreto-lei 19/2022 do 22 de novembroSerás redirixido a outro sitio web, ademais de establecer un Código de Boas Prácticas para aliviar a suba dos tipos de xuro en préstamos hipotecarios sobre vivenda habitual (CBP 2022) e adoptar outras medidas estruturais para a mellora do mercado de préstamos hipotecarios, modifica o Real Decreto-lei 6/2012Serás redirixido a outro sitio web, do 9 de marzo, de medidas urxentes de protección de debedores hipotecarios sen recursos (CBP 2012).

    O CBP 2012 establece unha serie de mecanismos para permitir a reestruturación da débeda hipotecaria ás persoas que se atopen en situación de extraordinaria dificultade ("límite de exclusión"). Ao mesmo tempo, establece un Código de Boas Prácticas con varias fases. A primeira, encamiñada á reestruturación viable da débeda hipotecaria; unha segunda medida complementaria, no caso de que a primeira non sexa suficiente, que consiste na oferta da Entidade dunha quita sobre a débeda; e unha terceira que posibilita que poida cancelarse definitivamente a débeda mediante a aplicación dunha medida substitutiva (a dación en pago desa débeda).

    A continuación, contámosche en que casos poderás solicitar a aplicación das medidas indicadas contempladas no CBP 2012.

    Ten en conta que esta medida só afectará ás persoas que se atopen en situación de extraordinaria dificultade. A continuación, detallámosche os aspectos máis relevantes que debes ter en conta antes de xestionar unha solicitude.

    A que produtos afecta o CBP 2012?

    1.- Préstamo/crédito a nome de persoa física con garantía hipotecaria sobre a vivenda habitual, cuxo debedor se atope situado no "límite de exclusión", e que estean vixentes na data de entrada en vigor do CBP 2012 ou que se subscriban posteriormente.

    Tamén poderán acollerse a estas medidas de protección os fiadores e avalistas hipotecarios do debedor principal, respecto da súa vivenda habitual e coas mesmas condicións que as establecidas para o debedor hipotecario. Ademais, os fiadores, avalistas e hipotecantes non debedores que se atopen no "límite de exclusión" poderán esixir que a Entidade esgote o patrimonio do debedor principal, sen prexuízo da aplicación a este, se é o caso, das medidas do Código de Boas Prácticas, antes de reclamarlles a débeda garantida, aínda que renunciasen ao beneficio de excusión.

    2.- O prezo de adquisición do ben inmoble hipotecado non poderá exceder nun 20% do que resultaría de multiplicar a extensión do inmoble polo prezo medio por metro cadrado para vivenda libre que arroxe o Índice de Prezos da Vivenda elaborado polo Ministerio de Fomento para o ano de adquisición do inmoble e a provincia na que estea situado dito ben, cun límite absoluto de 300.000€. Os inmobles adquiridos antes do ano 1995 tomarán como prezo medio de referencia o relativo ao ano 1995.

    En que consiste o CBP 2012?

    Se cumpres as condicións de estar situado no “límite de exclusión”, poderás optar polas seguintes medidas:

    1. Medidas previas á execución hipotecaria: reestruturación da débeda:

    Poderás solicitar á Entidade, ata o momento en que se produza o anuncio da poxa da vivenda se se atopa nun procedemento de execución, a reestruturación da túa débeda hipotecaria co obxectivo de acadar a viabilidade a medio e longo prazo da mesma, para o que deberás achegar a documentación indicada máis adiante. No prazo de 1 mes desde a presentación da devandita solicitude con toda a documentación esixida e sempre que acredites a concorrencia dos requisitos, a Entidade notificarache e ofrecerache un Plan de Reestruturación no que se concreten a execución e as consecuencias financeiras da aplicación conxunta das medidas. Sen prexuízo do anterior, poderás presentar en todo momento unha proposta de Plan de Reestruturación, que deberá ser analizada pola Entidade, quen, en caso de rexeitamento, deberá comunicarche os motivos nos que se fundamenta.

    a).- O Plan de Reestruturación contemplará a aplicación conxunta das seguintes medidas se o incremento do esforzo que representa a carga hipotecaria sobre a renda familiar é igual ou superior a 1,5 e a unidade familiar se atopa nas circunstancias de especial vulnerabilidade detalladas no apartado onde se explica que se entende por “límite de exclusión”:

    • Aplicación dunha carencia de amortización de capital de 5 anos. O capital correspondente ás cotas dese período poderá ou ben pasarse a unha cota final ao termo do préstamo ou ben prorratearse nas cotas restantes, ou realizarse unha combinación de ambos sistemas.

    • Ampliación do prazo de amortización da débeda ata 40 anos a contar desde a concesión do préstamo.

    • Redución do tipo de xuro aplicable a Euríbor menos 0,10% durante o prazo de carencia de 5 anos. En todo caso, nos préstamos a tipo fixo aplicarase o tipo fixo actual durante o período de carencia.

    b).- O Plan de Reestruturación contemplará a aplicación conxunta das seguintes medidas se o incremento do esforzo que representa a carga hipotecaria sobre a renda familiar é inferior a 1,5 e a unidade familiar NON se atopa nas circunstancias de especial vulnerabilidade detalladas no apartado onde se explica que se entende por “límite de exclusión”:

    • Aplicación dunha carencia de amortización de capital de 2 anos. O capital correspondente ás cotas dese período poderá ou ben pasarse a unha cota final ao termo do préstamo ou ben prorratearse nas cotas restantes, ou realizarse unha combinación de ambos sistemas.

    • Ampliación do prazo de amortización da débeda ata 7 anos, sen superar o prazo de 40 a contar desde a concesión do préstamo.

    • O tipo de xuro aplicable durante o prazo de carencia será tal que supoña unha redución do 0,5% do valor actual neto do préstamo de acordo coa normativa vixente. En todo caso, nos préstamos a tipo fixo aplicarase o tipo fixo actual durante o período de carencia.

    c).- Outros beneficios:

    • En todo caso, se te atopas tanto no apartado a) como no b) serán de inaplicación con carácter indefinido as cláusulas limitativas da baixada do tipo de xuro previstas no contrato de préstamo hipotecario, no caso de existiren.

    • Adicionalmente, a Entidade poderá reunificar o conxunto das túas débedas contraídas.

    • Moderaráse o xuro de mora aplicable, que pasará a ser o resultado de sumar ao xuro remuneratorio pactado no préstamo ou crédito un 2% sobre o capital pendente de pago.

    • Así mesmo, non conlevará custos por compensación a amortización anticipada do crédito ou préstamo hipotecario solicitada nos 10 anos posteriores á aprobación do plan de reestruturación.

    • A Entidade advertirá, se fose o caso, do carácter inviable do plan de reestruturación, entendendo por tal aquel que estableza unha cota hipotecaria mensual superior ao 50% dos ingresos que perciban conxuntamente todos os membros da unidade familiar.

    • Se es debedor nun plan de reestruturación ao abeiro do CBP 2012 onde rematou o período de carencia na amortización de capital e te atopas no límite de exclusión poderás instar a solicitude dun segundo plan de reestruturación, cunha carencia na amortización de capital de cinco anos e o tipo que corresponda durante o prazo de carencia (Euríbor menos 0,10 en préstamos variables ou o tipo fixo actual nos préstamos a tipo fixo). Neste suposto, no prazo de 1 mes desde que formules a nova solicitude, a Entidade actualizará a túa solvencia e, caso de ser viable, elaborará un novo plan de reestruturación no marco das condicións do CBP 2012.

    d).- Formalización da reestruturación da débeda:

    A formalización das medidas contempladas neste apartado 1, deberá instrumentarse mediante escritura pública, asinada ante Notario por todos os intervinientes da operación. Dita escritura de Novación, deberá inscribirse no Rexistro da Propiedade correspondente. A inscrición da escritura no correspondente Rexistro da Propiedade terá plenos efectos, se é o caso, fronte aos acredores intermedios inscritos, aínda que non se conte co consentimento destes.

    Todos os gastos que se orixinen pola formalización ante Notario e a inscrición no Rexistro da Propiedade correspondente da escritura de Novación contemplando as medidas seleccionadas, serán por conta da Entidade.

    2. Medidas complementarias: quita

    a).- Se a aplicación das anteriores medidas previas se estima inviable, tes a opción de solicitar unha quita sobre o capital pendente de amortización, que a Entidade terá a facultade de aceptar ou rexeitar no prazo dun mes desde a acreditación da inviabilidade do plan de reestruturación(*).

    (*) Para estes efectos, entenderase por plan de reestruturación inviable aquel que estableza unha cota hipotecaria mensual superior ao 50 por cento dos ingresos que perciban conxuntamente todos os membros da unidade familiar.

    b).- Co obxectivo de determinar a quita, a entidade empregará algún dos seguintes métodos de cálculo e notificarache, en todo caso, os resultados obtidos, con independencia de que decidamos ou non conceder dita quita:

    i. Redución nun 25%.

    ii. Redución equivalente á diferenza entre capital amortizado e o que garde co total do capital prestado a mesma proporción que o número de cotas satisfeitas polo debedor sobre o total das debidas.

    iii. Redución equivalente á metade da diferenza existente entre o valor actual da vivenda e o valor que resulte de restar ao valor inicial de taxación dúas veces a diferenza co préstamo concedido, sempre que o primeiro resulte inferior ao segundo.

    c).- Esta medida tamén poderás solicitala se te atopas nun procedemento de execución hipotecaria no que xa se producise o anuncio da poxa e, así mesmo, se, estando incluído no límite de exclusión, non podes optar á dación en pago por ter a vivenda cargas posteriores á hipoteca.

    Non existe obrigación de concesión por parte da Entidade.

    3. Medidas substitutivas da execución hipotecaria: Dación en pago da vivenda habitual.

    a).- No prazo de vinte e catro meses desde a solicitude da reestruturación, e sempre que a reestruturación e as medidas complementarias, se é o caso, non resulten viables, poderás solicitar a dación en pago da túa vivenda habitual. Nestes casos a Entidade estará obrigada a aceptar a entrega do ben hipotecado pola túa parte, á propia Entidade ou terceiro que designemos, quedando definitivamente cancelada a débeda.

    b).- Tamén poderás cursar esta solicitude se tes aprobado e en curso un plan de reestruturación onde observes a imposibilidade de atender os pagos despois de vinte e catro meses desde a solicitude de reestruturación. Neste caso, a entidade valorará a posible entrega do ben hipotecado pola túa parte, á propia entidade ou terceiro que designemos, quedando definitivamente cancelada a débeda.

    c).- A dación en pago suporá a cancelación total da débeda garantida con hipoteca e as túas responsabilidades persoais e de terceiros fronte á Entidade por razón da mesma débeda.

    d).- Se así o solicitas, no momento de pedir a dación en pago, poderás permanecer durante un prazo de 2 anos na vivenda en concepto de arrendatario, satisfacendo unha renda anual do 3 por cento do importe total da débeda no momento da dación. Durante dito prazo o impago da renda devindicará un xuro de mora do 10 por cento.

    Transcorrido o prazo de 2 anos de duración do contrato, se o arrendatario non desaloxase a vivenda, o arrendador poderá iniciar o procedemento de desafiuzamento, no que se reclamará como renda impagada a renda de mercado correspondente aos meses nos que a vivenda estivese ocupada indebidamente.

    e).- Poderemos pactar a cesión dunha parte da plusvalía xerada pola alleamento da vivenda, en contraprestación pola colaboración que poidas prestar nesa transmisión.

    f).- Esta medida non será aplicable nos supostos que se atopen en procedemento de execución nos que xa se anunciase a poxa, ou nos que a vivenda estea gravada con cargas posteriores.

    g).- Só poderán acollerse a esta medida da dación en pago as hipotecas constituídas en garantía de préstamos ou créditos concedidos, cando o prezo de adquisición do ben inmoble hipotecado non exceda do que resultaría de multiplicar a extensión do inmoble polo prezo medio por metro cadrado para o ano de adquisición do ben inmoble e a provincia na que estea situado dito ben, cun límite absoluto de 250.000€. Os inmobles adquiridos antes do ano 1995 tomarán como prezo medio de referencia o relativo ao ano 1995.

    Que se considera estar situado no límite de exclusión?

    1.- Considerarase que estás situado no "límite de exclusión", cando concorran de forma conxunta todas as circunstancias seguintes:

    a. Que o conxunto dos ingresos dos membros da unidade familiar (**) á que pertences non supere, os seguintes límites esixibles:

    i. Con carácter xeral, o límite de tres (3) veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples anual de catorce pagas (en diante IPREM) (***).

    ii. Este límite será de catro (4) veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples anual de catorce pagas (en diante IPREM) no caso de que algún dos membros da unidade familiar teña declarada discapacidade superior ao 33 por cento, situación de dependencia ou enfermidade que lle incapacite acreditadamente de forma permanente para realizar unha actividade laboral.

    iii. O límite será de cinco (5) veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples anual de catorce pagas (en diante IPREM) no caso de que o debedor hipotecario sexa persoa con parálise cerebral, con enfermidade mental, ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento, ou persoa con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65 por cento, así como nos casos de enfermidade grave que incapacite acreditadamente, á persoa ou ao seu coidador, para realizar unha actividade laboral.

    (**) A composta polo debedor, o seu cónxuxe non separado legalmente ou parella de feito inscrita e os fillos, con independencia da súa idade, que residan na vivenda, incluíndo os vinculados por unha relación de tutela, garda ou acollida familiar.

    (***)Importe IPREM 2023 MENSUAL= 600€. IPREM 2023 en cómputo ANUAL (inclúe prorrata de pagas extraordinarias)= 8.400 €. Tres veces o IPREM 2023= 25.200 €.

    b. Que, nos 4 anos anteriores, ao momento da solicitude, a unidade familiar á que pertences sufrise unha alteración significativa das circunstancias económicas en termos de esforzo de acceso á vivenda, ou sobreviñeran nese período circunstancias familiares de especial vulnerabilidade.

    Enténdese que se atopan nunha circunstancia familiar de especial vulnerabilidade:

    1.º A familia numerosa, de conformidade coa lexislación vixente.

    2.º A unidade familiar monoparental con fillos ao seu cargo.

    3.º A unidade familiar da que forme parte un menor de idade.

    4.º A unidade familiar na que algún dos seus membros teña declarada discapacidade superior ao 33 por cento, situación de dependencia ou enfermidade que lle incapacite acreditadamente de forma permanente, para realizar unha actividade laboral.

    5.º A unidade familiar coa que convivan, na mesma vivenda, unha ou máis persoas que estean unidas co titular da hipoteca ou o seu cónxuxe por vínculo de parentesco ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade, e que se atopen en situación persoal de discapacidade, dependencia, enfermidade grave que lles incapacite acreditadamente de forma temporal ou permanente para realizar unha actividade laboral.

    6.º A unidade familiar na que exista unha vítima de violencia de xénero ou de trata ou explotación sexual.

    7.º O debedor maior de sesenta anos, aínda que non reúna os requisitos para ser considerado unidade familiar segundo o previsto na letra a) deste número.

    c. Que, a cota hipotecaria resulte superior ao 50% dos ingresos netos que perciba o conxunto dos membros da unidade familiar. Dito porcentaxe será do 40 por cento cando algún deses membros sexa unha persoa na que concorran as circunstancias previstas no segundo parágrafo da letra a).

    A efectos das letras a) e b) anteriores, considerarase que presentan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 por cento os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez, e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

    2.- Para a aplicación das medidas complementarias e substitutivas previstas no CBP 2012, será ademais preciso que se cumpran os seguintes requisitos:

    a) Que o conxunto de membros da unidade familiar careza de calquera outros bens ou dereitos patrimoniais suficientes para facer fronte á débeda.

    b) Que se trate dun préstamo ou crédito garantido con hipoteca que recaia sobre a única vivenda en propiedade do debedor ou debedores e concedido para a adquisición da mesma.

    c) Que se trate dun crédito ou préstamo que careza doutras garantías, reais ou persoais ou, no caso de existiren estas últimas, que careza doutros bens ou dereitos patrimoniais suficientes cos que facer fronte á débeda.

    d) No caso de que existan codebdores que non formen parte da unidade familiar, deberán estar incluídos nas circunstancias dos apartados a), b) e c) anteriores.

    Que documentación necesito para solicitar o CBP 2012?

    A concorrencia das circunstancias ás que se refire o apartado anterior, acreditarase ante a Entidade, mediante a presentación da seguinte documentación:

    a. Percepción de ingresos polos membros da unidade familiar:

    -Certificado de rendas, e no seu caso, certificado relativo á presentación do Imposto do Patrimonio expedido pola AEAT, ou o órgano competente da CA, se é o caso, en relación ao último exercicio tributario.

    -Últimas 3 nóminas recibidas

    -Certificado expedido pola entidade xestora das prestacións no que figure a contía mensual percibida en concepto de prestacións ou subsidios por desemprego.

    -Certificado acreditativo dos salarios sociais, rendas mínimas de inserción, ingreso mínimo vital ou axudas análogas de asistencia social concedidas polo Estado, as comunidades autónomas e as Entidades Locais.

    -No caso de traballador por conta propia, ao estar percibindo a prestación por cesamento de actividade, o certificado expedido polo órgano xestor, no que figure a contía mensual percibida.

    b. Número de persoas que habitan a vivenda:

    -Libro de familia ou documento acreditativo da inscrición como parella de feito.

    -Certificado de empadroamento relativo ás persoas empadroadas na vivenda, con referencia ao momento da presentación dos documentos acreditativos e aos seis meses anteriores.

    -Declaración de discapacidade, dependencia ou de incapacidade permanente para realizar unha actividade laboral.

    c. Titularidade dos bens:

    -Certificados de titularidades expedidos polo Rexistro da Propiedade en relación con cada un dos membros da unidade familiar.

    -Escrituras de compravenda da vivenda habitual, así como as escrituras de constitución da garantía hipotecaria e as súas posteriores modificacións, e outros documentos xustificativos, se é o caso, do resto das garantías persoais ou reais constituídas, se as houbese.

    d. Declaración responsable relativa ao cumprimento dos requisitos esixidos para considerarse situado no límite de exclusión segundo o modelo aprobado pola Comisión de Control constituída para o seguimento do CBP 2012 (****)

    (****) Pode obter dito modelo premendo aquíSerás redirixido a outro sitio web

    Como e ata cando podo solicitar o CBP 2012?

    Se achegas toda a documentación requirida, e cumpres todos os requisitos para estar considerado no “límite de exclusión”, poderás solicitar as medidas indicadas, sempre que a Entidade no momento de cursar a solicitude se atope adherida ao CBP 2012.

    Para iso, deberás cubrir este formulario online de solicitude.Serás redirixido a outro sitio web

    Para continuar coa tramitación será necesario que asines o Formulario de Solicitude que se che facilitará na túa oficina ABANCA, achegando, conxuntamente toda a documentación requirida (incluída a Declaración Responsable relativa ao cumprimento dos requisitos para considerarse en "límite de exclusión").

    No caso de ter contratada a Banca Móbil ou a Banca Electrónica, existe a posibilidade de que asines o Formulario de Solicitude de CBP 2012 e Declaración Responsable a través de sinatura a distancia.

    A presentación de toda a documentación requirida, xunto co Formulario de Solicitude, é requisito imprescindible para poder comezar a cursar a túa petición. Por favor verifica que a achegas correctamente.

    Cando saberei se son apto para acollerme a algunha das medidas alternativas do CBP 2012?

    A solicitude de CBP 2012 será efectiva no momento en que achegues toda a documentación requirida e se comprobe que cumpres todos os requisitos de estar situado no límite de exclusión.

    Por exemplo, se presentas a solicitude xunto coa documentación necesaria e se verifica, o 24 de xuño que es apto por cumprir criterios de elixibilidade, a próxima cota que pagarás contemplando as novas medidas, no suposto de que o préstamo estivese ao corrente no pago, será a de xullo.

    Informarémoste puntualmente se cumpres os requisitos e podes acollerte ás medidas alternativas previstas no CBP 2012, ou no seu caso, os motivos de non poder beneficiarte das mesmas.

    Consecuencias da solicitude indebida das medidas para a reestruturación da débeda hipotecaria inmobiliaria

    A aplicación indebida destas medidas implicará que:

    1. O debedor dun crédito ou préstamo garantido con hipoteca que se beneficiase tanto das medidas de reestruturación como das previsións do CBP 2012 sen reunir os requisitos previstos indicados anteriormente, será responsable dos danos e prexuízos que se puidesen producir, así como de todos os gastos xerados pola aplicación destas medidas de flexibilización, sen prexuízo das responsabilidades doutra orde ás que a conduta do debedor puidese dar lugar.

    2. O importe dos danos, prexuízos e gastos non poderá resultar inferior ao beneficio indebidamente obtido pola aplicación da norma.

    3. Tamén incorrerá en responsabilidade o debedor que, voluntaria e deliberadamente, busque situarse ou manterse no límite de exclusión coa finalidade de obter a aplicación destas medidas, correspondendo a acreditación desta circunstancia á entidade coa que tivese concertado o préstamo ou crédito.

    Outras consideracións

    A formalización do contrato polo que se establece algunha das medidas adoptadas por virtude do establecido no CBP 2012 non estará sometida ao previsto nos artigos 10, 11, 12, 14 e 15, e o apartado 2 da disposición transitoria primeira da Lei 5/2019, do 15 de marzo, reguladora dos contratos de crédito inmobiliario.