Este chat utiliza unha tecnoloxía de Intelixencia Artificial Xenerativa que se basea en información proporcionada por ABANCA.

Debes ler as presentes Condicións de Uso que estarán dispoñibles sempre na web de ABANCA.

1.Obxecto

O servizo de chat é titularidade de ABANCA e ten como única finalidade informar e axudar o usuario en relación con calquera dúbida relativa a produtos e/ou servizos ofrecidos por ABANCA, á forma de navegar, de operar, ou de contratar a través da páxina web de ABANCA etc. Ten en conta que este servizo se presta a través de tecnoloxía que utiliza intelixencia artificial polo que as respostas que che proporcione o chat poden non estar actualizadas ou ser erróneas así que esta información non será vinculante.

No caso de que requiras e/ou necesites asesoramento personalizado, recomendámosche que acudas persoalmente a unha oficina ou que utilices aqueloutros mecanismos e/ou servizos que ABANCA poña ao dispor dos usuarios para estes fins, como por exemplo por teléfono.

O servizo de chat non poderá ser utilizado para solicitar operativa transaccional sobre produtos ou servizos deABANCA, xa sexa na condición de Cliente ou non Cliente, nin para contratar produtos ou servizos. ABANCA nunca che solicitará a través do chat información persoal ou confidencial como por exemplo datos bancarios ou financeiros tales como claves de acceso, PIN, números de conta, números de tarxeta etc., polo que debes absterte en calquera caso de facilitar esta información. Tampouco deberás facilitar a través do chat ningunha información de terceiras persoas.

En calquera caso, ABANCA conservará o dereito de non contestar as consultas que poidas formularnos se non corresponderan ou non gardasen ningunha relación co obxecto do servizo de chat.
  

2.Obrigas do usuario

  • Debes utilizar o servizo de chat de forma dilixente e correcta e non utilizar o servizo para realizar actividades contrarias á lei, á moral, á orde pública ou aos bos costumes aceptados, nin con fins ou efectos ilícitos, prohibidos ou lesivos de dereitos e intereses de ABANCA ou de terceiros, así como a non realizar ningún tipo de uso que de calquera forma poida danar, inutilizar, sobrecargar, deteriorar ou impedir a normal utilización do servizo.

  • Non debes utilizar expresións inapropiadas, ofensivas, vexatorias, difamatorias ou inxuriosas.

  • Non debes facilitar a través do chat datos persoais nin información confidencial teus ou de terceiros. As charlas almacenaranse unicamente con fins estatísticos e de analítica. Nunca che solicitaremos a través do servizo de chat datos de carácter persoal. Unicamente por motivos de seguridade, tales como a detección de actividades sospeitosas ou o mantemento da integridade do servizo, se lle poderá asociar o enderezo IP desde o que navegas á conversación de chat que iniciaches. O tratamento dos enderezos IP baséase no interese lexítimo de ABANCA de garantir a seguridade e mais a integridade do seu servizo de chat.

No suposto de que lle facilites datos persoais teus ou de terceiros a ABANCA, faralo exclusivamente baixo a túa responsabilidade.

No caso de que incumpras as Condicións de Uso do chat, ABANCA poderá finalizar de maneira automática o chat sen necesidade de preaviso.

3.Limitación de responsabilidade

ABANCA non garante que o acceso ao servizo de chat ou o seu uso sexa ininterrompido ou que estea libre de erro. A este respecto, ABANCA non será responsable dos danos que puideras sufrir por un uso inadecuado do servizo, nin polas caídas, interrupcións, ausencia ou defecto das telecomunicacións. Así mesmo, será responsabilidade exclusiva do usuario dispor dunha conexión a Internet apropiada.

ABANCA non será responsable do uso que fagas deste servizo, polo que o usuario deixará, en calquera caso, indemne a ABANCA fronte a calquera reclamación, xudicial ou extraxudicial, que se puidera presentar como consecuencia do uso do servizo polo propio usuario. ABANCA non será responsable dos danos e prexuízos de calquera natureza que puideran derivar da información proporcionada nas respostas do chat e, tampouco será responsable dos danos e prexuízos que puideran derivar da información confidencial ou dos datos que nos facilites a través do chat.

ABANCA non será responsable dos danos e prexuízos de calquera índole que puideran deberse á suplantación da personalidade dun terceiro efectuada polo usuario en calquera clase de comunicación realizada a través do servizo.

A información proporcionada polo servicio de chat non se poderá considerar como asesoramento, recomendación ou elemento determinante para a toma de decisións polo usuario, declinando ABANCA calquera tipo de responsabilidade polo seu uso que se poida realizar en tal sentido.

4.Propiedade industrial e intelectual

A titularidade do servizo de chat correspóndelle, en exclusiva, a ABANCA e este está protexido pola normativa de propiedade industrial e intelectual, e non poderá ser obxecto de explotación, reprodución, distribución, modificación ou transformación, cesión, comunicación pública ou calquera outra forma de difusión ou explotación non autorizada expresamente e para o efecto por ABANCA.

O acceso ao servizo non lle outorga ao usuario dereito nin titularidade ningunha sobre os dereitos de propiedade industrial e intelectual de ABANCA, salvo o mero dereito de uso do referido servizo.

5.Modificación e eliminación do Servicio

ABANCA conservará o dereito de modificar, xa sexa de maneira total ou parcial, as presentes condicións de uso do servizo de chat, así como incluír novas condicións. Poderás consultar as condicións vixentes en cada momento no apartado “Condicións de Uso do Servizo de Chat”.

ABANCA conservará o dereito de modificar ou eliminar o servizo de chat por calquera causa e, en particular, cando concorran dificultades técnicas ou operativas por circunstancias alleas a ABANCA que, segundo o seu criterio, diminúan ou anulen os niveis de seguridade estándares adoptados para o adecuado funcionamento do servizo.

ABANCA conservará o dereito de interromper temporalmente o acceso ao servizo de chat por labores de mantemento da web, instalación de actualizacións, actualización de contidos, melloras técnicas ou de deseño ou por calquera outra causa que estime conveniente.

6.Lei aplicable

En calquera caso, serán de aplicación ás relacións establecidas entre o usuario e ABANCA as normas do ordenamento xurídico español.

7.Privacidade

Para máis información sobre o tratamento dos datos que realizamos, consulta a nosa política de privacidade