Condicións xerais do servizo de transferencias inmediatas Bizum
Obxecto e definicións.
As presentes condicións xerais regulan os termos nos que se prestará aos clientes de ABANCA (en diante, o/os "Usuario/s") que o soliciten, o Servizo de Transferencias Inmediatas e de pago en comercios (en diante, "o Servizo"). O Servizo consiste en facilitar ao Usuario, a través da App de ABANCA, o envío e a recepción de fondos a outros Usuarios de forma inmediata utilizando como datos de identificación do destinatario o seu número de teléfono móbil, así como o pago en comercios de forma presencial e a distancia, na forma e nos termos definidos nestas condicións. Só se admitirán ordes de pago denominadas en euros. Enténdese como Usuario, para os efectos destas condicións xerais, á persoa física consumidora, é dicir, aquela que actúe cun propósito alleo á súa actividade comercial, empresarial, oficio ou profesión. Cando o Usuario é quen efectúa o pago denomínase Ordenante e cando recibe o pago, Beneficiario.
O Servizo é prestado por ABANCA Corporación Bancaria, S.A.
Identificador Único e conta asociada.
Unha vez o Usuario se identificase correctamente na App, deberá proporcionar uns datos: a conta coa que vai operar, na que se recibirán os fondos que lle envíen outros usuarios do Servizo e se cargará o importe de todas as operacións de pago realizadas, e o identificador único que permite aos Usuarios seren identificados como beneficiarios (número de teléfono móbil) e que irá asociado á conta. En calquera momento poderá modificar os datos e a conta asociada, así como darse de baixa do Servizo na forma que teña establecida ABANCA. A cancelación sobrevida da conta asociada, calquera que sexa a súa causa, será motivo suficiente para resolver este contrato. O bloqueo da conta asociada ou a concorrencia de calquera circunstancia que limite a dispoñibilidade dos seus fondos dará lugar á suspensión da prestación do Servizo.
Operacións.
3.1. Servizo C2C:
(i) O Ordenante poderá remitir fondos a un Beneficiario (modalidade "Enviar BIZUM") que identifique mediante o seu número de teléfono móbil. Unha vez rexistrada a solicitude dunha operación, procederáse a cargar o importe da mesma na conta do Ordenante asociada ao Servizo (agás que este especifique outra conta da súa titularidade) máis, se é o caso, o correspondente á comisión; (ii) O Beneficiario tamén poderá solicitar que un terceiro lle pague (modalidade "Solicitar BIZUM"). Nestes casos, ese terceiro (o Ordenante) recibirá unha mensaxe no seu teléfono móbil, solicitando a súa aceptación á proposta de transferencia realizada polo Beneficiario. No caso de que o Ordenante acepte dita proposta, executarase unha transferencia con cargo á súa conta asociada e abonaranse os fondos na conta asociada do Beneficiario. O abono dos fondos producirase de forma inmediata unha vez aceptada polo Ordenante.
3.2. Funcionalidade EuroPA:
Permite ordenar e recibir transferencias inmediatas entre Usuarios do Servizo Bizum e usuarios particulares de servizos análogos noutros países da zona SEPA cos que Bizum, S.L. manteña acordos de interoperabilidade. O Usuario manterá a mesma operativa debendo indicar o prefixo telefónico internacional do país de que se trate. Na funcionalidade EuroPA non estará dispoñible:
- (i) os pagos entre Usuarios (só estará dispoñible cando o destinatario non estea á súa vez dado de alta no Servizo Bizum);
- (ii) invitar a usuarios nos servizos análogos doutros países (mensaxe de invitación a destinatario);
- (iii) a portabilidade;
- (iv) a modalidade de pago iniciado polo beneficiario;
- (v) solicitar a devolución de transferencias;
- (vi) ordenar pagos múltiples;
- (vii) incluír contido adicional.
3.3. Servizo C2R:
Permite o pago de bens e servizos de forma presencial nos establecementos que o admitan e que estean dotados de terminais (TPV) compatibles coa tecnoloxía NFC, QR ou calquera outra que se implante.
3.4. Servizo C2eR:
Permite o pago de bens e servizos adquiridos a distancia nas páxinas web dos establecementos dotados de aplicacións de pagos que admitan esta modalidade de servizo.
3.5. Servizo de identificación e rexistro electrónicos de Bizum:
É un servizo que facilita o rexistro e o inicio de sesión nas plataformas de comercios a distancia que teñan dispoñible esta opción. Cando o Usuario se rexistre utilizando este servizo nun comercio a distancia, Bizum comunicará ao comercio os datos persoais que teña do Usuario, evitando que este teña que introducilos manualmente.
Ademais das operacións indicadas nos apartados anteriores, e de conformidade co previsto nos Regulamentos do Servizo de Transferencias Inmediatas e Corpo Normativo complementario, a Entidade permite ao Usuario, a través do Servizo, efectuar as seguintes consultas e operacións:
- Acceso á axenda de contactos para iniciar o pago desde o teléfono móbil.
- Xestión do perfil: podendo modificar a conta asociada ao Servizo, sempre que a nova conta estea situada en ABANCA, e o identificador único. Nestes supostos, cancelaranse as operacións da modalidade "Solicitar BIZUM" que estivesen en tramitación.
O Servizo está dispoñible todos os días do ano, 24 horas ao día.
As condicións e procedementos previstos nesta cláusula aplicaranse única e exclusivamente na medida en que as operacións descritas se atopen efectivamente implementadas e dispoñibles para o Usuario.
Envío de fondos a terceiros que non teñan a condición de Usuario.
Pódense enviar fondos a través do Servizo a un terceiro, persoa física, que non ostente a condición de Usuario no momento de dar a orde de pago, sempre que dispoña dun teléfono móbil con prefixo español. Neste caso, enviarase un SMS ao teléfono móbil do terceiro, comunicándolle o seu desexo de transferirlle un importe determinado e invitándoo a que acceda á banca móbil da súa entidade para que se rexistre no sistema. Se o Beneficiario acepta a invitación e se rexistra no prazo de 48 horas, a transferencia executarase, agás que o Ordenante cancele a operación con anterioridade.
Límites ao Servizo.
Establécense os seguintes límites ao Servizo, rexeitándose automaticamente as operacións que incumpran ditos límites:
Para os envíos de diñeiro de móbil a móbil
- Importe máximo por operación intercambiada: 500€.
- Importe mínimo por operación intercambiada: 0,50€.
- Importe máximo recibido por cada usuario ao día: 2.000€.
- Importe máximo enviado por cada usuario ao día: 500€.
- Número máximo de operacións recibidas por cada usuario ao mes: 60 operacións.
- Número máximo de solicitudes de pago realizadas por cada usuario ao mes: 60 operacións.
- Importe máximo para envíos por cada usuario ao mes*: 1.000€.
Para as compras en comercio online:
- Importe máximo por operación: 1.500€.
- Importe mínimo por operación: 0,01€.
- Importe máximo diario: 2.500€.
- Importe máximo mensual*: 9.000€.
Para as compras en comercio físico:
- Importe máximo por operación: 3.000€.
- Importe mínimo por operación: 0,01€.
- Importe máximo diario: 3.000€.
Para as doazóns:
- Importe máximo por operación: 500€.
- Importe mínimo por operación: 0,50€.
- Importe máximo enviado por cada usuario ao día: 1.000€.
- Importe máximo para envíos por cada usuario ao mes*: 1.000€.
Para os pagos de apostas e cobros de premios en administracións de lotarías e apostas do estado:
- Importe máximo pago por operación: 500€.
- Importe máximo pago por cada usuario ao día: 1.000€.
- Importe máximo pago por cada usuario ao mes*: 1.000€.
- Importe máximo para o cobro: 2.000€.
*No cómputo mensual o límite comeza a contar o día 1 de cada mes.
Estes límites máximos e mínimos son determinados directamente por Bizum, S.L, e poderán ser obxecto de revisión e modificación, do que ABANCA informará oportunamente ao Usuario a través da e-correspondencia e da páxina web abanca.com, onde estarán permanentemente actualizados. Non obstante o anterior, ABANCA poderá modificalos dentro de ditos límites máximo e mínimo fixados por Bizum, S.L., informando aos Usuarios a través da e-correspondencia.
Recepción das ordes de pago.
As ordes de pago que inicie o Usuario entenderanse recibidas por ABANCA no momento en que este cubra o formulario e preste o seu consentimento ao envío. Unha vez recibidas, as ordes de pago non son revogables. En consecuencia, o reembolso dos fondos, unha vez abonados na conta do Beneficiario, só será posible co consentimento deste.
Información sobre execución de operacións C2C.
En ambas modalidades de operacións ("Enviar BIZUM" e "Solicitar BIZUM"), ABANCA confirmará ao Usuario o resultado da transferencia.
Responsabilidade do Usuario.
O Usuario responsabilízase da veracidade e actualización en todo momento dos seus datos de identificación, así como dos empregados para identificar aos seus contactos de pago ou cobro. Será tamén responsable do correcto uso do Servizo, respondendo das consecuencias que se deriven do incorrecto uso das súas funcionalidades.
Igualmente, asume a irrevogabilidade dos pagos ordenados, unha vez o importe fose abonado ao terceiro, así como consinte na devolución dos abonos na súa conta cando os pagos se tivesen producido por erro ou no caso de que o Beneficiario da operación procedese á súa devolución nos prazos e forma regulamentariamente establecidos.
Responsabilidade de ABANCA.
ABANCA será responsable da correcta execución das ordes cursadas polo Usuario, sempre que non se trate de operacións fraudulentas ou ilícitas realizadas polo Usuario ou por calquera persoa que acceda ao Servizo sen autorización deste, agás que dito acceso se producise por causas directamente imputables a ABANCA. Non obstante, se esta tivese coñecemento da realización de operacións fraudulentas, poñerao inmediatamente en coñecemento do Usuario.
Igualmente, se ABANCA executa a orde de pago de forma defectuosa, por exemplo, tomando un número de teléfono móbil para identificar ao Beneficiario distinto do indicado polo Ordenante, deberá restablecer a conta ao estado en que se atopaba antes da execución da orde.
Resolución anticipada.
O Servizo resolverase de forma anticipada no suposto de que ABANCA perda a condición de entidade adherida a BIZUM. Ademais, ABANCA poderá resolver o Servizo pola non utilización do mesmo durante o prazo de 6 meses de forma ininterrompida, debendo informar diso ao Usuario de forma previa, pola cancelación sobrevida da conta asociada, sen ter facilitado outra en substitución daquela ou polo incumprimento por parte do Usuario de calquera das obrigas establecidas nas presentes condicións xerais.
Portabilidade desde outra entidade adherida a BIZUM.
No caso de que o Usuario queira darse de alta no Servizo a través doutra entidade adherida a BIZUM utilizando o mesmo teléfono móbil e identificador persoal (NIF ou outro identificador análogo), poderá facelo mediante unha solicitude de portabilidade dirixida á nova entidade, e será esta a que se dirixa directamente a ABANCA en nome do Usuario, e procederáse á baixa como Usuario do Servizo en ABANCA.
A alta na nova entidade implicará a cancelación das operacións en trámite na Entidade, da modalidade "Solicitar BIZUM".
Do mesmo xeito, o Usuario poderá solicitar a portabilidade a ABANCA se estivese dado de alta noutra entidade adherida a BIZUM.
Miscelánea.
12.1. Duración. O contrato é de duración indefinida, polo que calquera das partes poderá resolvelo en calquera momento, sen necesidade de motivación algunha. Se a Entidade exercese tal dereito, deberá comunicar a resolución ao Usuario cun preaviso de dous meses, agás que a resolución teña lugar por terse producido algún incumprimento por parte do Usuario das condicións do Servizo, nese caso non terá que esperar dito prazo.
12.2. Modificacións. A Entidade poderá modificar as presentes condicións, previa comunicación ao Usuario. Se o Usuario non estivese de acordo coa modificación proposta, poderá darse de baixa e sen custo adicional algún. Considerarase que o Usuario acepta as novas condicións cando non manifestase expresamente e por escrito a súa desconformidade ou cando continuase co uso do Servizo.
12.3. Idioma. As presentes condicións xerais e as comunicacións que se remitan ao Usuario estarán redactadas en castelán ou en calquera das demais linguas españolas oficiais das respectivas Comunidades Autónomas nas que se preste o Servizo.
12.4. Lexislación e foro aplicable. Estas condicións rexeranse pola lexislación española, someténdose as partes para o exercicio das accións e reclamacións que puidesen corresponderlles, aos Xulgados e Tribunais competentes de acordo coa lexislación aplicable.
12.5. Desistimento. O Usuario dispón de 14 días naturais desde o día seguinte á formalización do contrato para renunciar ao mesmo, sen necesidade de indicar o motivo, solicitando a baixa na web ou na Banca a Distancia.
Contratación de Bizum por menores de idade.
Sempre que operativamente sexa posible, os menores de 18 anos pero que sexan maiores de 12 anos poderán contratar o servizo Bizum por medio dos seus representantes legais, coas particularidades que se indican a continuación:
As operacións permitidas son: enviar diñeiro, recibir diñeiro e facer compras e pagos presenciais ou online.
O representante legal poderá elixir, tanto na alta como en calquera outro momento posterior, que se apliquen límites ás operacións indicadas no parágrafo precedente.
Condicións específicas para o enrolamento de tarxetas de ABANCA en Bizum Pay.
14.1. Obxecto e Funcionamento do Servizo
Esta cláusula regula as condicións de enrolamento e utilización das tarxetas de débito, prepago e crédito emitidas por ABANCA na aplicación de carteira dixital ou "Wallet" (en diante, "Bizum Pay") instalada en dispositivos compatibles (Smartphone, Smartwatch, etc.).
O servizo permite ao titular do dispositivo (en diante o "Titular") realizar operacións de pago presenciais (vía tecnoloxía NFC) sen necesidade de presentar a tarxeta física, utilizando no seu lugar un token dixital almacenado no dispositivo.
14.2. Vinculación co Contrato Marco de Tarxetas
- Non Novación: O enrolamento da tarxeta non implica a emisión dunha nova nin modifica o contrato principal de tarxeta subscrito con ABANCA.
- Prevalencia: En caso de discrepancia técnica sobre o uso do pago móbil, prevalecerán estes Termos e Condicións. Para todo o demais (límites de crédito, límites de uso, comisións, xuros), rexerá o contrato da tarxeta.
14.3. Proceso de Enrolamento e Verificación
Para habilitar o servizo, o Titular deberá:
- Introducir os datos da tarxeta de forma manual ou mediante captura de imaxe, ou comunicación contactless (NFC).
- Superar os protocolos de Autenticación Reforzada (SCA) que a Entidade solicite.
- ABANCA resérvase o dereito de denegar o enrolamento por razóns de seguridade ou se a tarxeta non está operativa.
14.4. Autorización de Operacións e Biometría
- Consentimento: O pago considerarase autorizado cando o Titular valide a operación no seu dispositivo mediante factores biométricos (pegada dixital, recoñecemento facial) ou o código de desbloqueo do terminal.
- Irrevogabilidade: Unha vez validada a operación por estes medios, a orde de pago é irrevogable de acordo coa normativa vixente.
14.5. Obrigas de Custodia e Seguridade
O Titular asume as seguintes obrigas específicas:
- Custodiar o dispositivo móbil coa mesma dilixencia que unha tarxeta física.
- Manter bloqueado o dispositivo con medidas de seguridade robustas.
- Non compartir as claves de desbloqueo nin permitir o rexistro de biometría de terceiros.
- Actualizar o sistema operativo do dispositivo para garantir os parches de seguridade.
14.6. Extravio, Subtracción e Medidas de Emerxencia
En caso de perda, roubo ou uso non autorizado do dispositivo, o Titular deberá:
- Comunicalo inmediatamente a ABANCA a través do teléfono indicado no contrato de tarxeta para proceder ao bloqueo do token.
- A comunicación ao fabricante do dispositivo ou á operadora móbil non substitúe a obriga de informar a ABANCA.
- ABANCA poderá bloquear o servizo se detecta indicios de fraude ou risco de impago.
Protección de datos.
Quen é o responsable do tratamento dos teus datos?
É ABANCA Corporación Bancaria, S.A. ("ABANCA"), con CIF A-70302039. En ABANCA contamos cun Delegado de Protección de Datos, co que poderás contactar no enderezo privacidade@abanca.com.
Cal é a orixe dos teus datos persoais e que datos tratamos?
A. Para a alta e funcionamento do Servizo, tratamos estes datos:
1. Alta no Servizo: para darte de alta, trataremos os teus datos identificativos, de contacto e tamén os bancarios. Por exemplo:
- Nome e apelidos, teléfono móbil e correo electrónico que nos facilites.
- O "alias Bizum": é un alias creado por Bizum para ofrecer un servizo cunha experiencia de usuario segura, e que está composto polo teu nome xunto coas iniciais dos teus apelidos.
- Número de conta (IBAN) en ABANCA.
E, se actúas como representante legal dun menor, tamén trataremos os datos deste que nos proporciones, así como o seu "alias Bizum".
2. Uso do Servizo: trataremos estes datos que se orixinen cando utilices o Servizo:
- Información financeira que se xere cando utilices as funcións "Enviar Bizum" ou "Solicitar Bizum", ou cando as utilicen outros usuarios que interactúen contigo (cando eses outros usuarios che envíen diñeiro ou che soliciten un pago).
- Información sobre as transaccións que realices de forma presencial a través de Bizum (Servizo C2R): cando pagues produtos ou servizos de forma presencial nun establecemento (por medio de TPVs compatibles coa tecnoloxía NFC, QR ou calquera outra), trataremos os detalles do pago (incluídos os datos da túa tarxeta, cando a utilices) para poder xestionalo.
- Información sobre as transaccións que realices por internet a través de Bizum (Servizo C2eR): cando adquiras produtos ou servizos por internet, trataremos os detalles do pago para poder xestionalo.
- Datos de conexión, como o enderezo IP do teu dispositivo, a túa localización (xeolocalización, se nos dás o teu permiso) ou as conexións WIFI realizadas.
- Datos identificativos e de contacto doutros usuarios que nos facilites (os teus contactos). Neste sentido, ademais, poderemos acceder á túa axenda de contactos no teu dispositivo, se nos dás o teu permiso.
- Información sobre o proceso de portabilidade, é dicir, se decides traer o teu Bizum a ABANCA desde outro banco ou viceversa.
Como Usuario, es responsable de que os datos que nos proporciones sexan reais e estean actualizados. Isto tamén se aplica á información que nos facilites sobre os teus contactos ou sobre o menor ao que, se é o caso, representes.
B. Para a alta e funcionamento da aplicación (App) Bizum Pay (sempre que te rexistrases en Bizum a través de ABANCA), trataremos, ademais, estes datos:
- Alta e activación da App: comprobaremos nos nosos sistemas que xa estás dado de alta en Bizum, xa que é obrigatorio para usar a App.
- Autenticación: Bizum, S.L. comunicaranos se te autenticaches para a realización dun pago a través da App.
- Os teus dispositivos: trataremos a información sobre os dispositivos (teléfonos móbiles, tabletas, etc.) onde activases ou configurases Bizum Pay. Esta información poderá facilitárnola directamente Bizum, S.L.
- Desactivación da App: se decides darte de baixa, podes facelo a través de Bizum Pay ou de ABANCA. En ambos casos, as dúas entidades avisaranse entre elas para que a App quede desactivada correctamente.
Para que tratamos os teus datos persoais e con que lexitimación?
1. Tratamentos necesarios para a execución das túas relacións contractuais ou precontractuais con ABANCA:
A. Alta e operativa en Bizum e en Bizum Pay. Trataremos os teus datos para:
- Xestionar a túa alta en Bizum e tamén en Bizum Pay (se o solicitas).
- Identificarte de forma segura: cando te des de alta en Bizum Pay, a App redirixirate á túa Banca Móbil para que poidamos autenticarte. Comunicaremos a Bizum, S.L. se dita autenticación se realizou correctamente.
- Levar a cabo o Servizo, o que inclúe:
- Xestionar os teus envíos ou solicitudes de diñeiro (pagos e cobros);
- Tramitar calquera outra petición que realices a través do Servizo (p.ex., revogar un pago ou darte de baixa en Bizum ou en Bizum Pay); e
- Realizar o proceso de portabilidade, se decides traer o teu Bizum a ABANCA desde outro banco ou viceversa.
B. Enrolamento de tarxetas de ABANCA na App Bizum Pay.
- Tratamento de datos realizado por ABANCA. Para a execución das ordes de pago mediante a utilización das tarxetas na App, en ABANCA trataremos a seguinte información:
- Datos identificativos e financeiros: Información das tarxetas de débito, crédito ou prepago que enrolas na App.
- Datos de transaccións: Datos das operacións de pago que realices a través do dispositivo móbil coas tarxetas enroladas.
A finalidade do tratamento destes datos será a xestión, desenvolvemento e control do contrato de tarxeta que mantés coa Entidade (incluídas, polo tanto, as operacións de pago realizadas coa tarxeta). Deste xeito, o réxime de protección de datos que se che aplicará será o detallado tanto no propio contrato de tarxeta, como na Política de Privacidade que figura na túa Ficha de Cliente de ABANCA e que tamén está publicada na nosa web.
- Tratamento de datos realizado por Bizum, S.L., sociedade titular da App Bizum Pay. O servizo de enrolamento e utilización das tarxetas emitidas por ABANCA na App Bizum Pay, tamén conleva o tratamento por parte de Bizum, S.L., en calidade de responsable, desta información:
- Datos identificativos e financeiros: Información das tarxetas de débito, crédito ou prepago que enrolas na App.
- Datos de transaccións: Datos das operacións de pago que realices a través do dispositivo móbil coas tarxetas enroladas.
No caso de que desexes enrolar as tarxetas desde a túa Banca Móbil, ABANCA compartirá con Bizum, S.L. os tokens das tarxetas (o número ou código virtual asignado á tarxeta como medida de seguridade).
A finalidade do tratamento dos teus datos por Bizum, S.L. será a de integrar a tarxeta na App e tramitar as peticións de pago que realices, tendo en conta que Bizum, S.L. é a titular da App e tamén a que xestiona a solución de pagos e cobros que se integra no Servizo.
O réxime de protección de datos que Bizum, S.L. che aplicará atópase recollido na súa Política de privacidade que debes aceptar ao instalar a App no teu dispositivo. Neste sentido, comprométeste a ler atentamente as Condicións Xerais para o uso e descarga da App "Bizum Pay", así como a Política de Privacidade de Bizum, S.L., a fin de coñecer as condicións do tratamento dos teus datos por parte de Bizum, S.L. ABANCA non asume responsabilidade polo tratamento dos datos que leve a cabo Bizum, S.L.
2. Tratamentos realizados para o cumprimento de obrigas legais:
ABANCA está obrigada pola normativa aplicable, a prestar o Servizo de Verificación de Beneficiario ("VdB" ou "VoP") nos envíos de diñeiro que ordenes ou dos que sexas beneficiario. O VdB atópase regulado no teu contrato de conta e/ou de crédito en conta con ABANCA e trátase dun servizo gratuíto que permite ao ordenante dunha transferencia dentro da Zona Única de Pagos en Euros (SEPA), confirmar previamente a identidade do beneficiario do diñeiro.
No caso do Servizo Bizum, se ti es o destinatario dun envío de diñeiro que che desexe realizar outro usuario que se rexistrase en Bizum connosco, ABANCA mostraralle a ese usuario o alias que ti teñas en Bizum, para que poida verificar que es o destinatario correcto do diñeiro.
3. Tratamento baseado no interese lexítimo de ABANCA:
Detectar e previr a fraude: É interese lexítimo de ABANCA impedir situacións de fraude na utilización dos nosos servizos (p.ex., a suplantación de identidade ou o roubo de contrasinais) que poidan derivar nun prexuízo para ti, para terceiros e/ou para ABANCA. Por iso, realizaremos o seguinte tratamento dos teus datos persoais: se te das de alta e utilizas Bizum Pay, Bizum, S.L. comunicaranos que sistema usas para desbloquear o teu dispositivo e poder así operar coa App (p.ex., se usas a túa pegada dixital, un código ou o recoñecemento facial); tamén nos comunicará se detecta algún cambio na forma de desbloqueo, pois se houbese algún cambio a App bloquearase como medida de seguridade. Nese caso, terás que reactivar a operativa da App accedendo á túa Banca Móbil de ABANCA para identificarte novamente.
É importante que saibas que ABANCA non terá en ningún caso acceso aos teus datos biométricos (como a túa pegada dixital ou a túa cara), senón que os mesmos son xestionados polo fabricante do dispositivo ou do sistema operativo que en cada caso corresponda. Polo tanto, ABANCA non será responsable dos danos que poidan derivarse dun mal uso da información biométrica ou por unha eventual brecha de seguridade na súa utilización.
A quen comunicamos os teus datos persoais?
Para que o Servizo funcione correctamente, e se poidan cumprir os fins indicados no apartado "Para que tratamos os teus datos persoais?", é necesario que ABANCA comparta os teus datos con:
- Bizum, S.L., entidade que xestiona a solución de pagos e cobros que se integra no Servizo, e que é, ademais, titular da App Bizum Pay.
- As Entidades financeiras (p.ex., bancos) adheridas a BIZUM, identificadas nesta ligazón: https://bizum.com/es/bancos/Serás redirixido a outro sitio web.
- Outros usuarios do Servizo aos que desexes enviar diñeiro ou solicitar un pago:
- Particulares (amigos, familiares, etc.).
- Profesionais que che presten algún servizo.
- Comercios nos que compres algún artigo.
- ONGs (Organizacións Non Gobernamentais) ás que desexes realizar unha doazón. Nestes casos, o teu NIF formará parte da información que se lles comunicará xunto coa operación de pago.
- A Sociedade Estatal Loterías y Apuestas del Estado, no caso de que desexes pagar a lotaría ou cobrar a túa aposta premiada a través do Servizo.
- Usuarios doutros países da Zona SEPA que teñan servizos similares a Bizum (funcionalidade EuroPA).
De todos os datos indicados no apartado "Cal é a orixe dos teus datos persoais e que datos tratamos?", só compartiremos os que sexan pertinentes para o correcto funcionamento do Servizo, segundo a acción que se pretenda realizar. Por exemplo:
- Ao darte de alta no Servizo, comunicaremos a Bizum, S.L. o teu nome, apelidos, DNI e teléfono móbil, así como o token da túa conta (é dicir, o número ou código virtual asignado á túa conta como medida de seguridade), para que Bizum, S.L. poida asignarche un alias e comezar a xestionar a solución de pagos e cobros.
- Ou cando desexes incorporar (enrolar), desde a túa Banca Móbil, unha tarxeta na App Bizum Pay, compartiremos con Bizum, S.L. o token da túa tarxeta (o número ou código virtual asignado á túa tarxeta como medida de seguridade), para que poidas pagar con ela.
- Ou cando queiras enviar diñeiro a un usuario que sexa cliente doutro banco (distinto de ABANCA), comunicaremos a información da túa orde de pago ao seu banco.
Por canto tempo conservamos os teus datos?
Mentres manteñas produtos ou servizos connosco e tamén posteriormente, durante 5 anos (se nos deres o teu consentimento para iso). Unha vez finalice a túa relación con ABANCA ou transcorran eses 5 anos, os teus datos quedarán bloqueados durante os prazos de prescrición que marca a lei. Despois eliminaraémolos.
Cales son os teus dereitos?
Poderás exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación ao tratamento e portabilidade:
- Ante ABANCA, a través do enderezo postal: Rúa Nova, 1 - Entreplanta, 15003, A Coruña; ou do correo electrónico: atencioncliente@abanca.com.
- Ante BIZUM, S.L., por escrito dirixido a esta Sociedade no seu domicilio social (Rúa Francisco Sancha 12, 28034 Madrid). Bizum tamén dispón de formularios en https://www.bizum.es.
- Ante as Entidades financeiras adheridas a BIZUM, nos enderezos que estas che faciliten.
Finalmente, podes presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos.
Aplicarase tamén a Política de privacidade de clientes que ten ABANCA?
Si. Para calquera detalle que non apareza nesta Cláusula, aplicarase a Política de Privacidade que figura na túa Ficha de Cliente e que tamén está publicada na nosa web.