Custo Efectivo Remanente (CER)
Que é o Custo Efectivo Remanente ou CER?
O Custo Efectivo Remanente ou CER é un indicador que nos informará de canto nos custará realmente un préstamo ou hipoteca ata o vencemento da operación; sempre e cando esta siga o seu curso normal.
Que diferenzas existen entre o CER e a TAE?
A Taxa Anual Equivalente (TAE) é o custo dun préstamo ou hipoteca nun ano. No seu cálculo téñense en conta, o prazo da operación, o tipo de xuro nominal, e as comisións e gastos nos que se incorre con ocasión da contratación dunha operación determinada.
O Custo Efectivo Remanente (CER) utiliza a mesma fórmula de cálculo que a Taxa Anual Equivalente (TAE), aínda que tendo en conta única e exclusivamente, ademais do capital pendente e o tipo de xuro, o prazo remanente e os custos que restan por pagar.
A TAE, que se adoita comunicar no momento da contratación do préstamo ou hipoteca, infórmanos sobre o custo anual da operación, mentres que o CER é un dato variable no tempo que se informará tras a formalización da operación e que nos indica o custo real do que nos queda por pagar tendo en conta o prazo pendente.
Ao representarse tanto a TAE como o CER en tanto por cento, permitirannos comparar diferentes ofertas, configurándose como unha medida válida no mercado para determinar que alternativa é a mellor.
Como se calcula o CER nas operacións de préstamo ou hipoteca de Abanca?
Para calcular o CER, terase en conta o seguinte:
- O capital pendente
- O prazo remanente
- O tipo de xuro que se está aplicando ao préstamo/hipoteca no momento do cálculo ata o vencemento. Nas operacións a tipo variable, utilizarase dito tipo ata a próxima revisión; e a partir de aí, e ata o resto da vida da operación, simularase que o tipo de referencia no momento do cálculo permanece constante no último nivel coñecido. No caso de préstamos/hipotecas con bonificación, consignarase o tipo bonificado ata a próxima revisión, se é o caso, ou ata a data que lle aplique a bonificación cando se contrataron produtos de pago de prima única na formalización do préstamo. A partir de aí, tómase o tipo sen bonificar ata o vencemento. Simulamos nestes casos que o cliente non vai contratar ningún produto/servizo coa Entidade (ao ser algo voluntario), e que polo tanto, o préstamo/hipoteca, non bonifica.
Custos obrigatorios que resten por pagar (non os xa abonados):
(i) Custo do Seguro de danos/fogar que se está pagando no momento do cálculo e ata o vencemento; sempre e cando se contratase coa Entidade. Se se contrata fóra, por descoñecer o seu importe, non se inclúe.
(ii) Custo da comisión de mantemento da conta asociada que se estea pagando no momento do cálculo, tomando como datas de devindicación o seguinte venres despois do 8 dos meses de marzo, xuño, setembro e decembro.
Hipóteses de cálculo:
(i) o contrato de préstamo/hipoteca polo importe indicado está vixente durante toda a duración pactada; (ii) a Entidade e o Prestatario cumpren coas súas obrigas nas condicións e nos prazos acordados, polo que non se inclúen as comisións e gastos que o cliente pode evitar se cumpre coas súas obrigas contractuais; e (iii) non se produce ningún reembolso anticipado total nin parcial durante toda a duración do préstamo/hipoteca.
O feito de contratar produtos/servizos que permitan bonificar a marxe ou o tipo de xuro implica asumir os custos dos mesmos, polo que é posible que o CER nestes casos sexa superior ao que resultaría sen a contratación dos mesmos.
Exclusións:
Non se teñen en conta para efectuar o cálculo do CER, as comisións e custos que xa foron abonados con anterioridade.
Especialidades:
- Tendo en conta que ás veces no cálculo, se inclúe o custo fixo de determinados produtos/servizos, en operacións con prazos de vencemento próximos, ou capitais residuais, o CER informado, podería ser desproporcionado (con porcentaxes incluso superiores ao 20%).
- Se o préstamo/hipoteca está vencido con saldo pendente o CER non sairá informado.